Kiosco

La Opinión de A Coruña

Francisco Menéndez Director de la Axencia Galega de Infraestruturas

“O Concello de Cambre dispara contra o seu propio interese e bótalle a culpa á Xunta”

“Non vai ser posible deseñar un enlace en Catro Camiños sen área de peaxe”

Francisco Menéndez. La Opinión

Recorrer ante o Tribunal Supremo, tentar retrotraer o expediente de 2009 e aprobar o proxecto de trazado ou “volver abrir por completo o debate de novo e avaliar todas as alternativas de conexión. Esas son as tres vías que estuda a Xunta despois das sentenzas do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia que admitiron os recursos do Concello de Cambre e anularon o proxecto de trazado e o construtivo da vía ártabra entre a Nacional-VI e a autoestrada AP-9, explica o director la Axencia Galega de Infraestruturas.

Dixo a conselleira que, da aprobación por órgano non competente en do proxecto de trazado en 2009, co bipartito, veu todo “en cascada”. Pero o PP leva na Xunta dende 2009, non ten ningunha responsabilidade?

O que se fixo en 2009 foi a aprobación do proxecto de trazado, que é unha pedra angular bastante importante que digamos que sostén o edificio que se fai posteriormente. A Xunta o que fixo con posterioridade foi desenvolver o proxecto de trazado e o trazado ata a AP-9. O que fixo o Concello de Cambre dende un momento dado foi apuntar a calquera aspecto do procedemento. Unha cuestión que se consideraba resolta en 2009, o xuíz interpretou que non. É a interpretación de que o Concello se opuxera ao proxecto de trazado, polo que tiña que ser aprobado polo Consello da Xunta. Se a interpretación é que alegou, estaba ben aprobado polo director xeral. Ademais, a xente que estaba no procedemento di que se chegara a un entendemento entre Concello e Xunta para que o trazado fora aceptado polo Concello, pero despois o Goberno local actual non o cumpriu e, como non estaba por escrito, a resolución xudicial foi a que foi.

A segunda sentencia susténtase en irregularidades de procedemento entre 2018 e 2019. Iso xa non ten que ver co trazado nin con 2009.

Si, pero a sentencia baséase nun defecto formal, que non estamos de acordo con el. O proxecto de 2018 podería retrotraerse e volver a aprobarse. Se non hai un cuestionamento do trazado, sería relativamente sinxelo. É unha interpretación, que a Xunta vai recorrer.

Xa está decidido?

Con altas probabilidades si.

As dúas ou a segunda?

A segunda seguro e a primeira estamos valorándoa tamén. En 2018, entendíase que coa aprobación do proxecto non había firmeza na súa definición, e por iso se contestaban as alegacións nese momento. En todo caso, o que temos é que o Concello de Cambre ten unha actitude totalmente belixerante e, como se di vulgarmente, dispara a todo o que se move. Pasou unha cousa curiosa con esta sentencia: anulouse o trazado entre a AC-221 e a A-6, e a parte que conecta coa A-6 era precisamente o que quería o Concello de Cambre

Tamén hai parte que non quere.

O que non quere o Concello de Cambre é que supostamente a Xunta poida continuar a vía ártabra dende A Gándara ata a A-6. Teme que non vaia por Catro Camiños. Sen embargo, agora anulou o trazado cara á A-6 que ía por Catro Camiños.

Pero non fixaba alí entronque, por iso din que non lles dá servizo.

Si que lles dá servizo, porque despois, máis cara a A-6, había un ramal que conectaba directamente con Cambre. O problema é que temían que unha vez construído o enlace da Gándara a Xunta cambiara e fixera dende alí a continuación, cando o que estaba aprobado era por Catro Camiños. Sen embargo, agora, se fósemos o máis garantistas posible, teríamos que abrir un estudo informativo, avaliar as alternativas e volver a poñer enriba da mesa a conexión coa A-6 dende o enlace da Gándara. E iso é o que está pedindo publicamente o Concello de Cambre.

Pide que se avalíen as cinco propostas que presentou para o entronque en Catro Camiños. Estudáronse a nivel técnico?

É importante: anulouse todo o trazado ata a A-6. Pídense que se avalíen alternativas, teñen que ser de todo. Porque volvemos estar a cero.

Estudáronse a nivel técnico?

A nivel técnico non é posible.

Pero estudáronas os técnicos?

Ese debate estaba pechado desde 2009 porque Fomento xa informara favorablemente ao enlace da Gándara. O que non vai ser posible é deseñar un enlace en Catro Camiños sen área de peaxe.

Os técnicos da Xunta estudaron esas propostas?

Si, claro que as miraron.

Cambre di que non, que non hai unha análise formal técnica.

Dende o Concello de Cambre mandouse fóra de procedemento unhas posibilidades de conexión en Catro Camiños. Aí non hai área de peaxe. E que haxa área non quere dicir que haxa peaxe, como na Barcala, que é en sombra. Pero pedíase. A AP-9 ten concesión ata 2048. Sempre vai ter que haber área de peaxe. Por tanto, o que está pedindo o Concello de Cambre é unha entelequia, é un absurdo, non é posible.

Cambre pide diálogo. Non vai falar a Xunta?

Cos demais concellos fálase, os demais concellos o que queren é que se faga a vía ártabra. O resultado da estratexia de Cambre é adiar a conexión coa A-6 moitísimos anos.

Insiste hoxe na conexión coa A-6 cando nos últimos anos a Xunta eludiu garantila. Agora que se anulou,vai ser culpa de Cambre?

Sempre se dixo que a prioridade é coa AP-9, porque será a que canalice máis tráfico. O primeiro é o primeiro e despois virá o segundo. Sen facer a obra que estaba en execución non é posible facer as seguintes conexións planificadas: unha, a co concello de Sada, e despois a conexión con Cambre e a A-6 por Catro Camiños. Eu teño clarísimo que a estratexia do Concello de Cambe é prexudicial para os propios intereses do concello.

Insiste Cambre na transferencia da AP-9. Está a Xunta niso?

A Xunta leva moitos anos insistindo nesa cuestión, e aprobouse unha proposición de lei no Parlamento de Galicia que foi admitida a trámite pero no período de enmendas o grupo político que goberna o Estado baleirouna de contido.

Reclama Cambre o vial 11-17.

E moi curioso. Eu mesmo estiven nunha reunión co alcalde, presentóuselles o trazado, pareceulles moi ben e o Concello de maneira incrible alegou dicindo que non estaban suficientemente xustificadas as alternativas e que era necesaria unha avaliación ambiental ordinaria. É unha cousa que me asombra como o Concello de Cambre é capaz de disparar contra o seu propio interese e despois botarlle a culpa á Xunta.

Compartir el artículo

stats