La Opinión de A Coruña

La Opinión de A Coruña

Un plan contra o illamento no rural: un bastón terapéutico para os maiores de Curtis

Curtis crea un censo de maiores que viven sós e deseña un plan de acompañamento

As terapeutas fan evaluacións individuais e constatan un agravamento do illamento pola pandemia e a fenda dixital | “Tiveron moito estrés e víronse moi vulnerables”, advirten

A terapeuta Elisa Santamaría no domicilio dun dos usuarios do programa, Raimundo Allerbe. | // LA OPINIÓN

“A soidade no rural é cada vez maior”, explica Elisa Santamaría, técnica de terapia ocupacional del Concello de Curtis que deseñou, en coordinación con Servizos Sociais e o Centro de Información á Muller, o programa Ao teu carón, un plan para combater o illamento e a soidade non desexada na terceira idade.

Este programa botou andar coa pandemia da COVID-19. O Concello elaborou un censo dos maiores que vivían sós ou en parella pero sen apoio social para establecer un contacto telefónico periódico durante a emerxencia sanitaria. Superados os meses máis duros, os técnicos realizaron unha valoración inicial de cada caso, cunha avaliación individual do estado cognitivo, social e afectivo, para deseñar unha estratexia de seguimento.

As visitas domiciliarias arrincaron hai uns meses. E constataron un agravamento do illamento pola pandemia. “No confinamento tiveron moito estrés, moito desgaste a nivel mental, víronse moi vulnerables. Necesitan desafogarse, transmitir os seus medos, a conversación demándana moitísimo”, conta esta técnica, que chama a atención sobre o outro illamento, o provocado pola fenda dixital, que afecta a “cousas tan básicas” como reservar cita co médico.

O servizo atende actualmente a 24 maiores. As situacións máis graves danse nas zonas rurais. “Hai xente que non ten nin veciños, neses casos reforzamos as visitas”, explica a terapeuta, que incide na importancia de “crear unha rede de apoio” .

Dolores Cruz, de 94 anos, é unha das veciñas que participa no programa. A pandemia, di, desbaratou totalmente as súas rutinas. “Quiteime de ir a misa, enterros, cabodanos... Antes ía ás feiras, vía a xente... Agora teño medo ao contaxio”, confesa esta nonaxenaria, que vive soa desde a morte do seu marido e que non logrou sobrepoñerse á perda do seu home e do seu fillo con só uns meses de diferenza. “Desde que quedei soa, ganas de saír non teño moitas...”

Dolores Cruz, usuaria de 94 anos, na súa casa de Curtis. La Opinión

Teño medo ao contaxio e desde que quedei soa, ganas de saír non teño moitas

decoration

É totalmente autónoma, cociña e ocúpase ela soa da casa, pero bota en falta compañía, admite. E iso que sabe dabondo que os seus están sempre pendentes dela. A súa nora, conta, a chama todos os días. “Está moi pendente de min. Chámame todas as noites e eu dígolle, ‘estou na casa, onde vou estar!'”, conta risoña. Se algo lle gusta, é traballar na horta. “A miña neta sempre me di, 'avoa, ti vas morrer plantando patacas'”, ri. Se algo ten claro, é que quere permanecer ata o final no seu fogar: “A min déixame estar na miña casiña, quero morrer na casa”, di esta veciña, que agradece as visitas que recibe das técnicas de Ao teu carón e de axuda no fogar: “Como non as vou agradecer! Estou moi contenta, son moi atentas”, conta.

La terapeuta Elisa Santamaría con uno de los usuarios del programa, Raimundo Allerbe La Opinión

Raimundo Allerbe, outro dos usuarios, ten 89 anos e perdeu á súa muller, tras unha longa enfermidade, durante o confinamento. “Coidouna como un campión”, conta a súa filla con orgullo mentres lle fai a comida. El sorrí con timidez . “Así é a vida, que lle imos a facer”, di. Raimundo vive agora cun dos netos e tenta recuperar as rutinas interrompidas pola pandemia, como ir á feira ou ao bar para xogar ás cartas. Encántalle xogar á escoba, conta. E é un dos pasatempos que practica coas técnicas de Servizos Sociais nas súas visitas periódicas. Coas cartas na mesa, este veciño, de entrada reservado, gaña pouco a pouco confianza.

Emérita Ares, a derradeira habitante permanente do núcleo de Frádegas, na súa horta. La Opinión

Esta sempre foi unha casa de xente, agora no inverno as noites son moi duras

decoration

Hai casos de dobre illamento. Emérita Ares é a única habitante do pequeno núcleo de Frádegas. “Aquí estou un pouco illada, cando veñen os veciños no verán estou moito mellor”, relata esta veciña de 73 anos, que admite que os invernos se lle fan moi longos. “Esta casa sempre foi unha casa con xente, agora no inverno as noites son moi duras”. A ela a pandemia tamén lle pasou factura: “Levantábame pensando: acabaría xa isto? Dábame medo baixar facer a compra”, lembra. Pouco a pouco recupera as rutinas. Vai a talleres de memoria, queda ás veces coas súas amigas e ve a súa filla todos os sábados.

A súa principal afección é a horta. “Cada vez tírame máis o campo. Ao levantarme estou desexando abrir a porta e ir á horta” di e bromea: “O meu exercicio é sachar”. Ela tamén quere seguir na casa: “Penso que dentro duns anos me terei que ir, pero mentras poida...”, di esta veciña, que agradece moito o bastón emocional do novo programa municipal que acompaña e, ao tempo, respeta a súa autonomía: “É unha marabilla”.

Compartir el artículo

stats