La Opinión de A Coruña

La Opinión de A Coruña

Rexurde o teórico dos Mártires

O prologuista de ‘A revolución galega de 1846’ reivindica a actualidade e importancia da obra de Tettamancy

Postal do Monumento aos Mártires na súa inauguración, recollida en 'La revolución gallega de 1846'. | // L. O.

“Non foi só un movemento progresista na liña doutros da época na península, non foi un levantamento na liña dos motíns habituais na Galiza do século XIX, senón que na súa vaga de fondo propuña restituír os dereitos políticos da nación galega”, asegura o xornalista e escritor Xosé Ramón Ermida, prologuista de A revolución galega de 1846, a tradución ao galego da obra de Francisco Tettamancy sobre a revolta que deu no fusilamento dos Mártires de Carral, que se edita a iniciativa da Deputación. Ermida reivindica a “actualidade” de Tettamancy, promotor do monumento aos Mártires en Carral, a quen considera unha “figura fundamental”, xa que “a idea que formula é hoxe asumida por todo o mundo e non está sometida a cuestión”. Refírese Ermida á interpretación de Tettamancy de que “o movemento do 1846 significa a aparición en Galiza dun novo movemento político, o que se coñecía como provincianismo. O que na xeración de Murguía se coñeceu como rexionalismo e hoxe, nacionalismo”.

Francisco Tettamancy

Ermida confía en que a edición da tradución da obra sirva para recuperar e difundir a Tettamancy e a súa obra e ve “fundamental” o “traballo de recuperación e rehabilitación da Deputación” coa publicación deste título, que a institución provincial anunciou o 26 de abril, día que en se cumpriron 176 anos do fusilamento dos sublevados liderados polo coronel Miguel Solís. “É unha figura inxustamente esquecida”, defende. En canto ao libro, asegura que contén un “moi importante grao de documentación” e que serviu de referencia a aotores posteriores e recentes. “Xosé Ramón Barreiro, no esencial, o que bebe é de Tettamancy, non só en fontes e en documentación, senón que o propio Barreiro fai súa boa parte das teses enunciadas por Tettamancy nesta obra”, asegura.

A iniciativa permitirá, ademais de reivindicar a obra e au seu autor, repoñer nas librerías este cobizado título. “Foi unha obra que no seu ano, 1908, tivo unha tiraxe enorme para aquela época, pero era case imposible de conseguir hai 80 anos. Nos últimos 40 ou 50 anos, máis que un libro era un obxecto de culto bibliográfico. Buscabas nas páxinas web de libros e era prohibitivo”, asegura o autor do prólogo, quen afirma que ten un que comprou “hai 22 ou 23 anos” por “case 200 euros”.

Solís L.O.

Ermida confía en que a dispoñibilidade do título fará que os lectores aprecien por si mesmos a súa vixencia. “Ter ese libro a man vai permitir que a xente perciba a súa actualidade”, asegura. O prologuista lamenta que Tettamancy quedara “no máis absoluto esquecemento” cando no seu tempo foi unha figura clave nos movementos sociais e políticos: é un dos grandes persoeiros da segunda xeración nacionalista, fundador das Irmandades da Fala, fundador de Asociación de la Prensa da Coruña, xogou un papel destacadísimo como líder social e no Movemento de Solidariedade Galega, enumera Ermida, quen sinala que en vida si recibiu homenaxes por estas contribucións.

Membro fundador da Real Academia Galega e integrante da Real Academia de Belas Artes de San Fernando, Tettamancy plasma o pensamento de dous históricos: recolleu na obra sobre os Mártires de Carral “a opinión do principal líder do movemento, Antolín Faraldo”, e “asentou a idea de Murguía”, explica Ermida.

Compartir el artículo

stats