Cambre celebrará o Día das Letras Galegas cunha oferta cultural e de lecer que incluirá actividades de distintas disciplinas artísticas. Tras dous anos de parón pola COVID-19, o programa contará con música, actividades para os nenos e teatro. A concelleira de Cultura, Mónica Varela, celebra que o Concello poida retomar “un dos días grandes de Galicia con propostas de todo tipo e dirixidas a veciños e veciñas de diferentes rangos de idade”.

A programación das Letras Galegas chegará ao Parque da Igrexa o domingo, 15 de maio ás 12.30 horas. A Banda de Música Sementeira Cambre e o Grupo de Instrumentos Tradicionais Sementeira protagonizarán o concerto Fogar de Breogán. Pola tarde, ás 19.00 horas, Xosé Avelino González aterrará no centro sociocultural O Graxal coa función Contos de contrabando. O luns, 16 de maio ás 17.00 horas, o mesmo recinto acollerá Arrolos con Mamá Cabra, para de 0 a 3 anos e familias.

A programación concluirá o propio martes, 17 de maio, ás 19.30 horas, tamén no centro sociocultural O Graxal. A agrupación Cambre Teatro Amador interpretará a obra Azotea. As actividades no recinto do Graxal teñen aforo limitado, polo debe reservarse entrada no teléfono 981 65 62 17.