La Opinión de A Coruña

La Opinión de A Coruña

Irene Montero Xornalista e autora da novela premiada ‘Lúa nova’

“Sen profesores de apoio quedan persoas con grandísimas capacidades sen desenvolver”

“O libro está baseado nunha rapaza de Santa Cruz invidente da que quería contar a súa historia porque a admirei sempre, no seu vocabulario non está a palabra non”

Irene Montero, onte en Meixonfrío, antes do ensaio coa asociación Santaia de Santa Cruz | // CARLOS PARDELLAS

Irene Montero é moi coñecida no mundo do xornalismo da comarca polo seu traballo nun gabinete de comunicación e tamén é moi coñecida en Santa Cruz como integrante da asociación Santaia onde canta e baila. Pero agora estréase tamén como escritora con Lúa Nova que a editorial Xerais acaba de publicar despois de que gañase o ano pasado o premio de novela curta Cidade Centenaria do Concello de Ribeira. A súa inspiración é unha rapaza veciña desta vila oleirense. O vindeiro 16 de xuño presentarase o libro en Santa Cruz pero antes farao en Ribeira e Ferrol.

Quen é Natalia?

A protagonista do libro chámase Lúa Lóngora e a historia está baseada en Natalia, unha nena invidente de Santa Cruz que coñezo dende hai anos porque fai baile e pandeireta comigo en Santaia e que admiro dende sempre porque a palabra non, non está no seu vocabulario, atrévese con todo. Para ela ser cega non é determinante para avanzar na súa vida. A novela ten moito dela e tamén moito de ficción. Era unha historia que me apetecía contar, imaxinar como sería ela no futuro.

A ela gustoulle a idea de ser protagonista dunha novela?

Falei primeiro coa súa nai e pareceulle ben e foi contando anécdotas e vivencias. Agora que xa está o libro nas librerías Natalia está encantada, entusiasmada. Se ela non estivese cómoda non o tería publicado porque é moi identificable. Publicalo creo que a ela lle da forza. Eu quería facer unha reflexión sobre a relatividade da palabra discapacidade porque non hai ningunha palabra que defina tan ben a Natalia como capacidade, capaz. É capaz de facer o que queira a pesar das dificultades, ter unha vida normal grazas tamén a que ten un entorno extraordinario, a súa familia. Lembro a Natalia pequena nunha foto no xornal reclamando un semáforo sonoro no cruce de Santa Cruz.

É unha historia con reivindicación.

Quería contar que cando a unha persoa cunha discapacidade se lle presta apoio e se lle dan as ferramentas pode desenvolverse coma os demais. Lúa ten a sorte de ter un entorno que a favorece pero tamén hai familias que non poden por diferentes circunstancias e por iso é o sistema, as administracións, os que teñen que darlles as ferramentas. Por exemplo, no instituto de Santa Cruz pelexamos contra o recorte dun profesor de Pedagoxía Terapéutica, porque é un para todo o alumnado que precisa apoio. Se non hai un apoio adecuado non poden integrarse no sistema educativo. Son persoas con grandísimas capacidades que non poden desenvolver. A discapacidade só é unha pequena parte.

Cres que este libro axudará a moitas persoas con discapacidade a seguir o exemplo de Natalia, e a concienciar sobre a importancia do apoio do sistema?

A nai de Natalia díxome que ela cre que pode serlle útil aos rapaces e rapazas da Once. E na editorial tamén me indicaron que se podía promover como lectura nos institutos para concienciar de que hai que darlles as ferramentas para que teñan a liberdade de elixir.

Que quere ser Lúa Lóngora/Natalia, de maior?

As dúas queren dedicarse á música. Natalia agora ten 17 anos, cumpre xusto hoxe [por onte] está no conservatorio, está facendo piano. Será o que queira ser. Eu son fan de Natalia.

Compartir el artículo

stats