O Concello de Oleiros anunciou que en vindeiras datas sacará a licitación os traballos para renovar os pavimentos das pistas de tenis da urbanización Hábitat, xunto á ponte da Pasaxe e ao bordo da ría do Burgo; e tamén as que están no parque de Bastiagueiro, preto da praia.

O Goberno local anunciou ademais que mellorará tamén o pavimento da pista polideportivo de Cova dos Bois na rúa Miguel Servet en Santa Cristina. O investimento total municipal é de case 80.000 euros.

O Executivo oleirense sinalou que estas obras fanse co obxectivo de “continuar fomentando a práctica deportiva ao aire libre” entre os veciños e veciñas do municipio.

O Concello tamén lembrou que os maiores de 60 anos do municipio poden inscribirse para participar nas rutas de sendeirismo do programa Ven e Descubre.