Novo ciclo no BNG de Sada. A menos dun ano de que finalice o mandato, a candidata en 2019, Isa Reimúndez, dá un paso atrás para centrarse na súa actividade profesional e “facilitar a substitución” . Tomará o relevo Sara Arrojo, que ocupaba o noveno posto na lista, e que asumirá as rendas da área de Benestar, Servizos Sociais e Igualdade.

Sara Arrojo estréase na política municipal con só 21 anos. Estudante de Traballo Social, a nova concelleira milita no BNG desde fai tres anos e compartirá grupo municipal con Laura Rodríguez, que asumirá a partir de agora a portavocía da formación nacionalista.

Isa Reimúndez renunciará á súa acta no próximo pleno. A concelleira, primeira muller en optar á Alcaldía polo BNG de Sada, asumiu as rendas do BNG fai xa sete anos, con menos de 30 anos e tocoulle xestionar Servizos Sociais na pandemia. Esta socióloga marcouse como prioridades a mellora dos servizos asitenciales básicos, como axuda no fogar, e deixa a primeira liña da política satisfeita de acadar un importantante incremento do orzamento de Servizos Sociais.

O BNG agradeceu onte o “magnífico traballo” de Reimúndez e trasmitiu “todo o ánimo a Sara Arrojo nesta nova fase”: “Este proceso de renovación permitiranos a sumar novas forzas e construir un proxecto de futuro para unha Sada máis xusta, democrática e igualitaria”, apuntan.