La Opinión de A Coruña

La Opinión de A Coruña

Un equipo que deixou pegada en Arteixo

A paixón volve ao campo de Loureda

O Cubano acolle o sábado 11 a presentación do documental ‘Campanal de Loureda: paixón por un sentimento’, que repasa a historia deste equipo que mesmo xogou en Preferente

Un partido do Campanal nun dos antiguos campos de Loureda. | // X.M.

O campo de Loureda acollerá o vindeiro sábado 11 un encontro, máis ben un reencontro, que fará saltar as bágoas a máis dun e devolverá a esta parroquia arteixá o orgullo amarelo, o de pertencer ao Campanal, ese equipo que militou en Rexional Preferente en 1980, todo un fito para esta localidade rural que aínda sente vivas as cores dun club que se federou oficialmente en 1960 e desapareceu en 1987.

O Campo do Cubano, alcume da alma mater deste equipo, o xa falecido Antonio García Viñán, acollerá a presentación do Campanal de Loureda: paixón por un sentimento. Trátase dun documental realizado polo historiador Xabier Maceiras e o realizador Fran Naveira coa colaboración musical de Sindo Otero, Víctor Iglesias e Nacho Varela. Ao longo de unha hora e 40 minutos, este filme percorre a historia do equipo e depara máis dunha sorpresa, desde antigas tomas en Super-8 á recuperación dos himmos que louvaban as xestas de “Antonio o Cubano e os seus once valentes”.

Xogadores do Campanal nunha imaxe de arquivo co adestrador, Miguel Lendoiro e Paco ‘o Cubano’ | // X.M.

Os realizadores, acompañados por Víctor Regueira, da Pena Pedra da Crus de Loureda; o alcalde, Carlos Calvelo; e a concelleira de Deportes, Puri Zas, presentaron onte o tráiler deste documental, froito de case dous anos de traballo, de rebuscar nos faiados e entrevistar a algún dos protagonistas do clube para rescatar un anaco da intrahistoria de Loureda e de todo Arteixo.

Xabi Maceiras e Fran Naveira non son novos nestas lides. Debutaron con Un Raio chamado Catuxa, un documental sobre o equipo que estivo federado entre 1965 e 1970 e, como bos futboleiros, saben que detrás destas historias hai “moito máis que fútbol”.

O Campanal foi o pegamento dunha aldea que driblou con moita imaxinación as estreitezas dun equipo modesto, afeito a perseguir o balón nun campo “que pouca herba tiña” e cunhas recompensas humildes que sabían a gloria: “Dábannos latas de sardiñas, era o que había, non había outra cousa daquela...”, lembra un dos xogadores.

Víctor Regueira, Fran Naveira, Puri Zas, Carlos Calvelo e Xabier Maceiras, onte na presentación do tráiler do documental.

Os mulleres toman tamén a palabra para lembrar a Plácida, a nai de Olga, Carmen de Natalio ou Lola de Andrés, que refregaban no lavadoiro esas “camisetas cheas de herba que non había quen lavase”. Ou Oliva, que fixo os traxes con teas de saba. Máis aló do papel secundario, e non sempre grato, que o fútbol daqueles anos reservaba as mulleres, o documental tamén lembra un fito, o partido disputado entre mozos e mozas en 1968, o primeiro destas características de toda a zona.

Este equipo de Loureda iniciou a súa andaina antes de ser elevado á categoría federada, e debe o nome ao xogador do Sevilla, Marcelo Campanal, toda unha estrela daquela que uns anos depois xogou no Dépor. E todo un grande do equipo branquiazul, Arsenio Iglesias, tamén fixo os seus pinitos nun equipo de Loureda, o do Igrexario, outras das anécdotas que depara este documental que “tocará a fibra” da parroquia.

Cartel da presentación do documental

“Eu con cinco anos non sabía que era o Dépor, eu era do Campanal... Para min isto é un soño”, conta Fran Naveira, natural de Loureda quen, do mesmo xeito que Xabier Maceiras, agradece a colaboración do Concello. Os convites para este emotivo reencontro poden retirarse no Bar O Cruceiro-Igrexario, Loureda e no café Sport. Haberá dous pases: ás 16.00 e ás 20.00 horas. A paixón volve ao campo. 34 anos despois.

Compartir el artículo

stats