Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

Non se presentou porque o mataran

O BNG de Oleiros lembrou polo Día da Galiza Mártir ao militar ‘paseado’ Julio Sanz Martín e tamén a Julio Teijo Fernández e María Carrera Miragaya

Imaxe de Julio Sanz e, abaixo, orde de baixa por non presentarse.  | // L.O.

Imaxe de Julio Sanz e, abaixo, orde de baixa por non presentarse. | // L.O. / M. V.

M. V.

oleiros

A ditadura franquista tamén matou militares. Un deles foi Julio Sanz Martín, un coruñés nacido en 1901 que foi practicante en hospitais e navíos da Armada e que en 1934, sendo alférez de fragata, foi procesado por “indicios de adhesión al movimiento revolucionario último” e en outubro de 1936 apareceu o seu cadáver nunha cuneta en Tatín (Bergondo). O seu nome foi lembrado onte na praza da Liberdade de Nós no tradicional acto polo Día da Galiza Mártir que organiza o BNG de Oleiros. Ademais de Julio Sanz, nesta homenaxe na que tamén houbo música, poesía e teatro, tamén se lembrou a Julio Teijo Fernández e a María Carrera Miragaya.

A Julio Sanz matárono por atoparlle nun rexistro na casa cartas á súa muller nas que manifestaba o seu desexo de que triunfase a revolución, por ser mestre na Escola Racionalista de Ferrol e por chamarlle “gran canalla” ao entón deputado Ramón de Carranza. A causa foi sobresida pero pouco despois metérono no cárcere e logo foi paseado.

Unha das singularidades deste caso, destacada pola súa familia, é que catro anos despois de asasinalo o Goberno puxo en documento oficial que causaba baixa na Armada “por no haberse presentado a las Autoridades Nacionales”. Sanz Martín foi enterrado no cemiterio da parroquia de Ouces grazas á insistencia dos veciños e contra a vontade do cura. Nos anos cincuenta a familia trasladou os seus restos ao cemiterio de San Amaro onde están agora. Familiares de Sanz estiveron onte no acto para lembralo.

Ademais de Julio Sanz, nesta homenaxe na que tamén houbo música, poesía e teatro, tamén se lembrou a Julio Teijo Fernández e a María Carrera Miragaya. Julio Teijo Fernández, tamén coñecido como O Calderillas, foi asasinado o 15 de setembro do 36 en Hervés (Carral). Era natural de Betanzos, panadeiro de profesión en Cambre e militante da CNT. Tiña 26 anos cando apareceu o seu cadáver en Carral. Na causa da morte, como en tantos outros casos, puxéronlle hemorraxia interna.

María Carrera Miragaya, veciña de Cambre naqueles anos, era a prometida de Julio Teijo. Faleceu en 1938, ao parecer de tuberculose, o mal daquela época. Tiña 30 anos. O irmán máis vello dela tamén foi asasinado en agosto de 1936.

Nesta homenaxe lembrouse tamén, aínda que non por ser represaliada senón por vivir en Nós e cumprir neste 2022 os 150 anos da súa morte, a Juana de Vega. Deixou case todos os seus bens para a creación dunha fundación co fin de levantar unha escola de agricultura. O pazo que tiña nesta parroquia é hoxe sede da Fundación Juana de Vega que promove a formación, cursos e xornadas, arredor da paisaxe e o sector agroalimentario, cumprindo os desexos de Juana de Vega. Noutra parte da finca está o viveiro municipal do Concello de Oleiros.

Suscríbete para seguir leyendo

Tracking Pixel Contents