La Opinión de A Coruña

La Opinión de A Coruña

Marcos Pereiro | Actor e gañador do IV Concurso de Fotografía Manuel Ferrol de Carral

“Quería concursar hai tempo pero sempre se me pasaba o prazo e puxen unha alarma”

O actor do dúo Mucha e Nucha e de ‘Era visto’ ten formación e paixón pola fotografía

Marcos Pereiro, ante a fotografía coa que gañou o certame Manuel Ferrol, en Carral VICTOR ECHAVE

Marcos Pereiro é unha cara moi coñecida en Galicia por ter interpretado personaxes de televisión que xa son iconas na memoria dos galegos, coma o seu papel no dúo de humor Mucha e Nucha que se fixo famoso no Luar ou o de Kevin José na que foi se cadra a mellor serie da galega, Era visto, ademais doutros en diversas series de televisión e películas. Pero este carralés tamén ten unha sólida formación como fotógrafo e o seu talento vén de ser avalado polo último premio de fotografía Manuel Ferrol que organiza a Asociación Cultura Aberta de Carral e que se entregou o pasado fin de semana ao mesmo tempo que se inaugurou a exposición con 25 das mellores imaxes que se presentaron ao certame.

Non sabiamos da faceta como fotógrafo de Marcos Pereiro.

De feito é a miña formación, estudieina hai vinte anos na Escola Superior de Arte e Deseño Pablo Picasso da Coruña e o ano pasado aínda fixen un mestrado en fotografía documental. Nunca deixei a fotografía, sempre estou facendo fotos.

A foto coa que gañou, o retrato dunha muller cun cesto de verzas sobre a cabeza e ese mantón cruzado, unha imaxe que remite ao pasado, é moi acaída para o premio Manuel Ferrol.

Eu sempre admirei moito a Manuel Ferrol. Eu son de Carral e como fotógrafo, sempre quixen participar pero sempre se me pasaba o prazo para presentarme. Tiven que poñer unha alarma. Tiña varias fotos que me gustaban para presentar, escollín tres, o máximo que se podía levar ao concurso, as tres de mulleres do rural. E estou moi contento porque outra das que presentei tamén está entre as 25 elixidas para a exposición. Gañar o premio para min foi unha sorpresa. Sobre todo porque eu nunca participo en concursos, e unha vez que o fago...Estou moi contento.

Onde fixo a foto?

É no concello de Muíños, en Ourense, preto de Portugal. A muller que sae na foto é Pura, que ten un bar.

Ela xa sabe do premio e que aparece na exposición?

Non, aínda non llo dixen. A ver que di. Teño a sorte de que a xente me coñece e déixanme fotografalos, resúltolles de confianza.

Agora animarase a presentarse a máis premios de fotografía.

De feito xa me animaron a facelo. Pero é complicado, e a min non me gusta moito ensinar o que fago. Eu vou coa cámara no coche, paro e saco fotos, todo o tempo. Sobre todo retratos, teño moitos. Sempre no rural, quero deixar constancia do meu amor por isto, por Galicia, pola xente de aquí e o rural.

Se ten tanto material, podería organizar unha exposición, non?

Fotografías teño dabondo, si. Se me sae a oportunidade, algún concello que queira, eu estaría encantado.

Que cámara emprega?

Teño unha Sony Alpha 7 e unha Fuji de formato medio. E en analóxico teño de medio formato e de gran formato tamén. Revelo eu tamén. Para min a fotografía é unha gran afección.

E falando xa da súa profesión como actor, anda preparando algo, algún proxecto?

Agora mesmo estou sobre todo desfrutando da paternidade. A nena só ten dous anos e xa colle a cámara de fotos e a arrima ao ollo, sabe que non ten que mirar a pantalla. Pero teño algo gordo de aquí a pouco, algo inesperado para min, que na miña vida imaxinei que pasaría. Pero non podo contar máis polo de agora, é alto top secret.

Unha pregunta de interese persoal. Para cando Era visto, a película?

Ha, ha! Pois non era mala idea. Nós estamos dispostos. Hai capítulos de Era visto, mínimo tres, que non se emitiron. Os do equipo seguimos conservando o grupo de WhatsApp, bastante activo. Nese grupo soltabamos ideas de argumentos de próximos capítulos, como un Kevin socialista, e cousas así.

Compartir el artículo

stats