A Escola de Teatro Melandrainas, que desenvolve a súa actividade en Arteixo, presentará ás 20.00 horas do vindeiro 1 de outubro, no auditorio do Centro Cívico Cultural da capital municipal, o novo proxecto deste colectivo arteixán que conta cunha traxectoria de máis de 30 anos nos escenarios. Trátase de Flores de ferro, unha iniciativa na que leva traballando desde fai varios meses, baseada na novela da escritora María Rei Vilas, de título homónimo, na que, ademais do soporte teatral, contará tamén co audiovisual. A previsión é que a estrea sexa en marzo de 2023. Os autores destacan que é un “proxecto 2.0”.

Esta proposta, que será presentada ao público o 1 de outubro, é “unha proposta creativa, ilusionante e inclusiva”, na que, entre equipo técnico, elenco formado polo alumnado da escola e figuración, participan máis de 60 persoas, a máis pequena de 6 meses e a maior de 85 anos, segundo destacan os promotores desta iniciativa cultural.