Kiosco La Opinión de A Coruña

La Opinión de A Coruña

Un músico de Cecebre homenaxea en Nova York os emigrados que financiaron a escola

Cen anos despois de inaugurarse o local social de La Juventud, Pedro Lamas toca coa gaita músicas recollidas na comarca nun acto na Casa de Galicia na cidade estadounidense

Lamas (esquerda) tocando con Prieto na Casa de Galicia de Nova York. La Opinión.

Hai cen anos, a axuda enviada dende ultramar por un grupo de veciños emigrados de Cecebre á súa terra natal floreceu en forma de centro social e escola para a parroquia. O local inaugurado en 1922 fora promovido pola sociedade La Juventud de Cecebre, creada na parroquia cambresa en 1918 e que só un ano despois contaba xa cunha delegación en Nova York. Este venres, o músico e investigador da parroquia Pedro Lamas rendeu homenaxe e tributo á “débeda”, que pagou “en forma de música”. O artista tocou pezas recollidas na contorna á gaita, acompañado nalgúns momentos polo acordeonista de jazz Víctor Prieto, afincado na cidade hai anos, nun acto celebrado na Casa de Galicia de Nova York.

“Parecíame interesante, xa que viña de viaxe á cidade por primeira vez, facer un pequeno acto en memoria dos meus veciños de Cecebre”, conta Lamas. Os emigrantes de primeira xeración, dos que quedan poucos, tiñan difícil acudir, pero si se achegaron algúns de terceira xeración, fillos e netos,“xa americanos”, e veciños da comarca que emigraron máis tarde e que viviron “con emoción” coñecer as músicas da terra da súa terra de orixe. “Moita xente levaba tempo sen escoitar unha gaita. Emocionábanse”, relata. “Díxenlles: ‘.Son músicas que veñen de alá para aquí, pero son vosas porque moitos de vos saístes de alí”, precisa.

“Os meus pais e avós aprenderon a ler e escribir na escola de Cecebre que se fixo gracias ao esforzo dos veciños que emigraron a Nova York. Era unha débeda que eu tiña pendente, facer unha homenaxe”, conta o músico. Lamas aproveitou a súa viaxe á Grande Mazá para contactar co presidente da Casa de Galicia, Isidro Tajes, e comentoulle a súa ilusión por render tributo aos veciños que axudaron a Cecebre dende ultramar. O presidente convidouno ao acto, próximo á celebración do aniversario da Casa de Galicia, que cumpre 82 anos. A delegación de Cecebre esmoreceu nos anos 70, pero en 1919 fora a primeira das sociedades de galegos que tiñan domicilio social na Sociedad Española de Beneficencia La Nacional, “que aínda está na rúa 14 e é a sociedade española máis antiga de Estados Unidos”, conta Lamas.

As comunidades de migrantes procedentes de Cecebre, Sada, Bergondo e Oleiros foron, asegura o músico, as máis importantes de galegos en Nova York. A contribución dos de Cecebre á parroquia foi tal que a sociedade La Juventud pasou de facer unha primeira foto nun carro, porque non tiñan local, a, tres anos despois, inaugurar o centro e a escola. “E tamén se fixo o cine coa súa axuda”, apunta Lamas. “Imaxínate que poderío económico tiñan e que esforzo, porque ao mellor mandaban á casa máis do que se quedaban eles”, louba.

Compartir el artículo

stats