La Opinión de A Coruña

La Opinión de A Coruña

Socia de Rexenerando, relatora no Encontro dos Servizos Sociais Comunitarios

Andrea Rico: “Para traballar mellor en rede hai que poder parar, ter espazos de diálogo e pensar xuntas”

“Calquera cidadá é potencial usuaria de servizos sociais porque todas somos vulnerables”

Andrea Rico, socia traballadora da cooperativa Rexenerando e relatora no encontro de servizos sociais do Consorcio. Charo Lopes

Parar e pensar en conxunto, poñer a vida e os coidados no centro e traballar para que os sistemas queden máis integrados son as claves para unha mellor coordinación dos servizos sociais. Esas son as principais conclusións do obradoiro que impartiu a cooperativa Rexenerando no IX Encontro dos Servizos Sociais Comunitarios do Consorcio As Mariñas, explica a socia traballadora Andrea Rico.

Que se atoparon entre o persoal técnico e os responsables políticos de Servizos Sociais do Consorcio?

No encontro atopamos que a todos estes profesionais, e a calquera, lles facía moita falla. Levaban dous anos sen celebralo e no noso obradoiro vimos iso: as profesionais precisan espazos onde parar, reflexionar, pensar xuntas. Foi unha das primeiras reflexións. Moitas veces, por pequena que pareza ou porque cae de caixón, non lle damos a importancia, o valor e o espazo que merece.

Parar suporía un cambio notable no traballo e na coordinación?

Unha das estratexias para poder traballar mellor en rede ten que ver con poder parar, ter espazos de encontro, diálogo e poder pensar e planificar xuntas onde estamos, onde queremos ir e que recursos ou potencialidades ou retos temos por diante. Parece unha parvada ou algo moi pequeno, pero é fundamental e vai na lóxica de cambiar as culturas laborais ou profesionais, que parece que non se pode parar, vai todo acelerado, e máis en servizos sociais, que teñen que dar resposta a situacións tan graves e traballan nun contexto de necesidade, urxencia e drama moi duro. É moi difícil parar para elas. Unha estratexia de eficiencia ten que ver con darse tempo para iso dunha maneira moi consciente.

E non andar sempre apagando lumes.

Claro, parar como parte do traballo, porque a tendencia social é ir a toda velocidade. E hai que poder parar, porque nos vai a vida niso, e a eficiencia no traballo e todo. Hai concellos e servizos que teñen máis poboación ou menos, máis recursos ou menos... pensar xuntas axuda a ver o que temos en común, cal é a miña especialidade, que teño que activar eu…

E concluíronse pautas ou indicacións concretas?

De cuestións concretas, saían en dúas liñas. Á hora de pensar en estratexias de mellora do traballo en rede, que os sistemas sexan máis capaces de redistribuír a información. Traballar en rede non é só derivar dun servizo a outro, dun recurso a outro. Que quede o sistema máis integrado, saber que pasa coas usuarias, tamén para poder avaliar mellor o impacto e a eficiencia do traballo en rede, ter un pouco mái s de retorno. E, a nivel de información, calquera cidadá é potencial usuaria de servizos sociais, porque todas somos vulnerables, unhas veces máis, outras menos. Ten que ver cun cambio de cultura de poñer a vida no centro, os coidados no centro. E o conxunto da cidadanía ten que estar en conexión e ser consciente de cales son os servizos sociais, que recursos hai, como nos poden axudar. Hai que abordar a comunicación para facer chegar a información dos recursos que existen e facilitar o acceso. E a outra pata é a consolidación de redes, e vai en dúas direccións.

Cales?

Seguir traballando por establecer convenios de colaboración e reforzar a idea de que son útiles, necesarios e precisamos identificalos antes, non cando hai a urxencia e hai que firmar un convenio. E, ademais, traballar en rede ten que ver cos vínculos persoais: xuntarse os equipos, coñecerse, xerar vínculos de confianza... a dimensión humana. Quen se relaciona son as institucións, pero tamén as persoas.

Humanizar os servizos sociais.

Humanizar moita dimensión laboral, e máis isto. Humanizar os protocolos, as maneiras de traballar, que non somos máquinas, non hai que descoidar ningunha dimensión.

Compartir el artículo

stats