La Opinión de A Coruña

La Opinión de A Coruña

Mulleres fían vidas rurais en Cambre

Arabías organiza unha xornada e creará un mapa de iniciativas feministas fóra das cidades

As socias de Arabías, Belén Gavín, á esquerda, e Bea López, á dereita. | // LA OPINIÓN

Fotografía, charlas, conversas, reflexión e corpo. Esas serán as ferramentas coas que a cooperativa Arabías fomentará un espazo para escoitar, pensar e tecer redes que dean visibilidade, faciliten e potencien o traballo e as iniciativas das mulleres no rural. Cunha perspectiva feminista e de diversidade, Belén Gavín e Bea López organizan unha xornada para afondar no traballo que desenvolven con grupos de mulleres na súa Escola de Apoderamento Feminista de Mulleres do Rural, EspadELA. O encontro, titulado EspadELA, trenzar rural e feminismos, celebrarase o próximo día 19 na casa da cultura Vila Concepción, de Cambre. Como colofón ás xornadas e escolas, Arabías elaborará un “mapa de iniciativas” que desenvolven mulleres no rural.

A cita concíbese como “un espazo de pensamento e acción” para “estando xuntas, pensar, escoitar, construír e tecer redes” e aberta a “todas as persoas que teñan interese nos feminismos, que vivan no rural”, para “mesturar”,explica Gavín. Comezará ás 10.00 coa acollida e presentación e ás 10.30 haberá un café-diálogo con Mariola Mourelo, de Ffotoeduca. Co título Miradas, promoverá a reflexión a través da fotografía. Ás 11.30, comezarán as Conversas con María Ferreiro, da Secretaría das Mulleres do Sindicato Labrego Galego, que ofrecerá unha perspectiva de “mulleres vencelladas ao territorio”; Olga Romasanta, da cooperativa Rexenerando, que “traballa moito o que ten que ver con memoria e saberes”; Noelia Darriba, de Atalaias, que “traballa co apoderamento a través do corpo”; e Araceli Macías, de Outonía, “un proxecto no rural cun enfoque de diversidade que nos interesa moito”, precisan López e Gavín.

As 13.30, despois dun descanso, comezará Trenzadas, un “laboratorio de traballo: pensamento, mapeo e acción”, sinala a programación.

A xornada de Cambre será o debut de Arabías neste formato. Construír xuntas. O que nos falta ás que traballamos no rural é tempo para escoitarnos, ver en que traballa cada una e fiar e traballar de maneira máis cooperativa e seguir sumando”, apuntan as cooperativistas. “As xornadas pretenden ser un espazo onde poder pararnos, escoitarnos, falar de que necesitamos, que se está facendo e, se podemos facelo da man, creando alianzas e sinerxías, moito mellor”, engaden.

E que se necesita? “Espazos de escoita e escoitarnos. É o punto fundamental e a razón de facelo”, contesta contundente Gavín. Apunta que, “co confinamento, moitas das redes comunitarias romperon e necesitamos volvernos ver, falar e escoitarnos”. “Moitas veces, polos ritmos de traballo, necesidades económicas ou vidas persoais, non hai ese lugar de escoita”, afonda.

Froito da participación e o intercambio de información que xurda na xornada, Arabías elaborará un mapa no que localizará e dará visibilidade ás diferentes iniciativas de mulleres no rural. “Ás veces parece que non se fan cousas e si que se fan, pero custa darlles visibilidade. Queremos ir mapeando que se fai, que se bota de menos e que necesitan as mulleres”, explican.

Compartir el artículo

stats