La Opinión de A Coruña

La Opinión de A Coruña

A Marola, illa mítica e refuxio da ave mariña máis pequena: o paíño do mal tempo

Membros do Ceida censan e gravan de noite á ave mariña máis pequena, que ten no illote oleirense seis niños | Sinalan que os flamencos da ría puideron chegar pola seca no sur

Illotes frente a Dexo. | // I.R.

O paíño do mal tempo practicamente vive na auga e no aire. Só pousa na terra para aniñar ou para refuxiarse cando hai fortes temporais, dia o nome. É una ave mariña de cor negra menos unhas plumas na cola e baixo as as. É moi pequena, pesa de media 28 gramos. Voa coma os morcegos e ten un olfacto tan bo que recoñecen o seu niño na escuridade polo ulido. Un dos nove lugares de Galicia onde aniña é o illote de A Marola en Oleiros. Membros do Centro de Extensión Universitaria e Divulgación Ambiental de Galicia (Ceida), dentro do proxecto Aves Ártabras, fixeron un censo e conseguiron imaxes nocturnas desta ave fuxidía.

“Aniñan en illas pequenas e inaccesibles, entre buratos nas pedras, para protexerse dos depredadores. En Galicia aniñan en nove illotes e o da Marola é un deles. Facemos un seguimento dende 2019 aínda que é difícil porque son nocturnas, só as podes ver cando chocan os ovos e veñen de noite darlles de comer aos poliños. Puxémoslles caixas niños cunha cámara, foto-trampeo, que saca fotos co movemento, para poder ter imaxes”, explica Sergio París, ornitólogo, educador ambiental no Ceida e coordinador do proxecto Aves Ártabras. Non foi doado: achegarse á illa da Marola ten o seu aquel, coa forte ole axe xa coñecida, subir e poñer as caixas coa cámara.

“Censamos seis niños e sabemos que hai entre cinco un dez, tamén a Xunta fai un seguimento. Está no catálogo galego de especies ameazadas. Nos anos noventa fíxose un censo de todas as colonias de paíño en Galicia e apuntouse que había 150 parellas, das que cen estaban nas illas Gabeiras en Ferrol, é onde hai máis. O que fixemos agora e ir a eses nove sitios a ver cantas había e atopáronse entre corenta e cincuenta. É a metade pero non sabemos se o censo dos noventa é totalmente fiable para dicir se hai ou non un descenso”, destacou París.

O paíño do mal tempo, explica París, é unha das aves menos coñecidas, seguramente por ser tan difícil de ver, só nas noites de primavera e do verán están nos illotes. Dentro do proxecto de Aves Ártabras, co apoio da Fundación Biodiversidade do Ministerio para a Transición Ecolóxica, gravouse un vídeo que amosa a vida das aves que viven neste illote. Amais do paíño puideron verse gaivotas, lavandeiras, mazaricos, virapedras, carrizas, corvos mariños e o pedreiro cincento.

Sergio París tamén sinalou que os flamencos rosa que se viron o pasado domingo na ría de O Burgo puideron subir ata aquí “pola seca nos humidais do sur de España”, nun dos veráns máis secos que se lembran.

Compartir el artículo

stats