La Opinión de A Coruña

La Opinión de A Coruña

Os outros mártires de Carral

Cultura Aberta e a Asociación para a Recuperación da Memoria Histórica honran a 18 ‘paseados’ na canteira carralesa das Catalinas en 1936 cunha mesa redonda, un monumento e un libro

Antiga canteira das Catalinas, José Moledo Rodríguez, flores na súa memoria no cemiterio de Beira e o seu carné do Partido Comunista. | //L.O. Sara Vázquez

“Eran mortiños sen nome”, describe Luís Lamela no seu libro A Coruña 1936: Memoria convulsa dunha represión, que permitiu, con datos do rexistro civil de Carral, e xunto coas contribucións de veciños e familiares, honrar hoxe ás 18 persoas paseadas, asasinadas e abandonadas na antiga canteira das Catalinas, en Carral, entre agosto e novembro de 1936. A Asociación Cultural Cultura Aberta de Carral, impulsa a homenaxe, en colaboración coa Asociación para a Recuperación da Memoria Histórica (ARMH), cunha mesa redonda que reunirá este venres na Casa da Cultura, ás 19.00, a investigadores, familiares das vítimas, un arqueólogo, un veciño de Beira, o presidente da entidade carralesa, Lois Anxo Ferreiro, e a representante da ARMH en Galicia, Carmen García Rodeja.

Antiga canteira das Catalinas, en Carral. L. O.

Ao encontro, que se celebra no marco das XV Xornadas de Recuperación da Memoria Histórica que organiza Cultura Aberta, seguiralle o vindeiro sábado, día 26, a inauguración dun monumento na memoria dos 18 asasinados no cemiterio da parroquia de Beira, onde os veciños soterraron os seus corpos, que levaban en carros. “O que quedaba de piedade”, describe Lamela. Un libro titulado Lembranzas de José Moledo e Luciano Costa, vítimas das Catalinas completará os actos de memoria e xustiza.

Flores na memoria de José Moledo, no cemiterio de Beira. L. O.

Para a familia de José Moledo Rodríguez, unha destas vítimas, o monolito suporá ter, polo menos, un lugar no que depositar as flores cada ano por Defuntos. “Ata agora, poñiámolas nunha capela que hai na zona onde nos contaron os veciños que se enterraran os corpos”, relata o neto, Aquiles Garea Moledo. Lamenta que non se puideran exhumar os cadáveres, por unha reforma do camposanto que se realizou nos anos 50, pero celebra que “xa é moi importante que se faga este acto e se recoñeza a xente que está alí e foi liquidada por non comungar con ideas doutra”.

Carné do Partido Comunista de Moledo, selado por última vez en 1936. L. O.

A súa avoa e a súa tía xa non verán como se honra a memoria do seu avó, pero si a súa nai, aínda que, pola súa idade, 88 anos, e o seu delicado estado, non acudirá aos actos. Moledo era membro do Partido Comunista, de Socorro Rojo Internacional e do Casino Republicano da Coruña. “Era unha persoa bastante implicada na política e na vida”, conta Garea. Traballaba como auxiliar de farmacia nunha botica da rúa coruñesa de San Andrés, da que fuxiu cando o xefe o avisou de que foran por alí horas antes uns falanxistas preguntando por el. “Suponse que foi nesa fuxida cando o colleron”, conta o seu neto, quen avanza que, o vindeiro ano, por Defuntos, xa poderán colocar as flores diante do monolito.

“Era unha débeda que tiñamos en Cultura Aberta”, asegura o presidente da asociación. “Este ano, dicimos facer unha ben merecida homenaxe”, afirma.

Compartir el artículo

stats