Kiosco La Opinión de A Coruña

La Opinión de A Coruña

“Ás veces non vén mal a experiencia política para a convivencia nun barco, e ao revés”

“A miña experiencia foi satisfactoria porque traballas en algo máis grande ca ti”

Xurxo Martínez, en Santa Cruz. I. R.

Xurxo Martínez tomou posesión como portavoz municipal do BNG en Oleiros en sustitución de Fran Rei en novembro de 2020 e noutro novembro, o deste ano, deixa o cargo por motivos profesionais, os mesmos que lle impediron en algunhas ocasións estar nos plenos: por estar embarcado. E mecánico naval, segundo oficial de máquinas en dragas que traballan en obra marítima por todo o mundo.

Precisa que dimite do cargo pero non da política.

Deixo a acta de concelleiro polo meu traballo pero non deixo a política. Na medida do que poida seguirei participando e asistindo na vida política do concello, e tamén na campaña electoral se estou aquí, porque das outras eleccións nas que eu ía de número dous, presentamos a candidatura e ao día seguinte embarquei por tres meses.

Iván Roca, número 6 do BNG na candidatura nas últimas eleccións, é o que toma o relevo, pero non quere dicir que sexa o candidato...

Iván colle o cargo temporalmente e estará ata as eleccións municipais. Aínda estamos traballando no proceso do programa, e na candidatura e no candidato ou candidata.

Deixa a acta de concelleiro porque ten que embarcar de novo próximamente.

Para conseguir un nivel profesional teño que botar tempo no mar e iso complica o desempeño do cargo. Hai que representar aos veciños e veciñas e é un lastre para o partido se falta esa representación. Agora seguramente vaia ter máis traballo, e era o momento tamén porque estamos no proceso de escoller a candidatura de cara as eleccións e as campañas empezan moito antes, e estamos no momento en que é necesario ter esa presencia constante, esa representación, tanto no Concello como na rúa coa xente. E cada vez que embarco son dous ou tres meses no mar. 

Aínda que é militante do BNG, ata 2020 que dimitiu o anterior portavoz non entrou na política activa. Que lle pareceron estes dous anos?

A experiencia é satisfactoria porque estás traballando en algo máis grande ca ti, nun proxecto de concello e de país. Eu xa coñecía a vida política do concello porque comecei simpatizando con Alternativa e ía aos plenos. Co tempo vas madurando e ves outras opcións que se axustan mais ás ideas dun e din o paso de entrar no BNG.

O traballo de concelleiro da oposición é un labor desinteresado, que quita tempo libre e se hai unha maoiría absoluta diante, tamén será frustrante.

Que o Goberno con maioría absoluta nos pase por enriba frústranos a nós, frústrase o veciño, e pode chegarse á decepción. No caso do BNG ademais o que percibimos polas dietas é para o partido, é como nos financiamos, polo que todo o traballo que facemos é co noso esforzo e os nosos medios. E no meu caso, é vocacional, falo por iso. O traballo de concelleiro da oposición non se ve nada, a xente só ve o do día do pleno, que é un día ao mes, en Oleiros ás veces nin iso, pero só é unha mínima parte do traballo que fixeches días, meses atrás.

Compatibilizar o traballo, a profesión, cun cargo público, non é doado.

No meu caso xa é extremo, ao estar fóra meses en ocasións. Pero en xeral sí que é dificil ás veces compatibilizar a vida profesional coa vida política na oposición. E ás veces as empresas tampouco o facilitan. Teñen que deixarte saír pola mañá para unha comisión informativa e saír antes de rematar o traballo outro día para un pleno ás oito. Aínda que como cargo electo supostamente tes dereito, na práctica non sempre se respeta. Por iso, polas dificultades no traballo, é polo que moita xente non da o paso de entrar na política. E tamén porque tes moita exposición pública, e máis nun concello coma Oleiros onde nos coñecemos.

Ao mellor a experiencia de concelleiro sérvelle para algo no barco.

Ás veces non ven mal a experiencia política para a convivencia no barco, onde somos dez persoas, tres meses xuntos, xente de distintos lugares, e en moitas ocasións con présas por cumplir uns plazos no traballo. E na marina mercante ademais hai moito papeleo, informes, certificados, temos inspeccións por temas medioambientais moi duras...

E ao revés, a experiencia no mar tamén lle pode servir para a política.

Sí. O traballo no mar sírveche para ter outra perspectiva. No barco perdes moitas cousas e cando ves a terra valóralas doutro xeito. Hai unha disciplina e un compañeirismo que en terra non hai, e se intentas trasladalos a terra, sírveche para organizar mellor a túa vida.

Despediuse persoalmente do alcalde, tivo boa relación, e foi persoal municipal en Servizos...

Con Alternativa sempre houbo boa relación, persoalmente e como edil respetóuseme. Por temas de programa ás veces, aínda coincidindo, chocamos os dous partidos.. Pero hai un respeto mutuo porque temos cousas en común.

O BNG critica dende hai anos a falla de política de promoción do comercio local, do mercado municipal, de alugueres baixos...

A estas alturas Oleiros ten un modelo residencial-comercial moi feito, medra cos tempos e non se vai cambiar porque non interesa. Fora dos núcleos grandes coma Santa Cruz e Perillo, o norte e o sur do municipio están un pouco abandonados, e iso é responsabilidade das administracións e do concello.

Compartir el artículo

stats