As aportacións filosóficas no noso idioma aumentan na editorial Euseino? coa obra O obxecto muller e o xiro ontolóxico, da profesora Inmaculada Otero, que dou clase no instituto Neira Vilas de Oleiros hai uns anos e agora ensina en Cambre. Otero, que tamén é investigadora e crítica literaria, presenta esta obra hoxe xoves 24 no teatro As Torres de Santa Cruz ás 20.00 horas.

Cando di o obxecto muller, estamos falando no plano filosófico.

Teño un capítulo que distingue entre obxecto muller e muller obxecto. Quería enfrentarme a que era ser muller dende a corrente do novo realismo. Interesábame analizalo dende a filosofía. Aínda que ser muller sexa unha construción social, para min é un obxecto da realidade, como pode ser unha montaña, ten unha dimensión real aínda que sexa unha construción social. E se é un obxecto, non hai subordinación.

O sexo, a roupa, non din se eres muller.

Estamos marcados pola bioloxía pero non é o máis importante, podes nacer sen útero por exemplo, ser intersexual, e a morfoloxía tampouco é universal. O fundamental é o rexistro civil, é a máis poderosa adscrición social, máis que os rituais, como poñer a cor rosa. Por iso é tan importante para as persoas trans cambiar o xénero no rexistro. Na India admítense tres xéneros, iso xa indica que non é un concepto universal, que son adscricións.