La Opinión de A Coruña

La Opinión de A Coruña

Xurxo Martínez | Portavoz municipal do BNG que dimite

“Ás veces non vén mal a experiencia política para a convivencia nun barco, e ao revés”

“A miña experiencia foi satisfactoria porque traballas en algo máis grande ca ti”

Xurxo Martínez, en Santa Cruz. | // I.R.

Xurxo Martínez tomou posesión como portavoz municipal do BNG en sustitución de Fran Rei en novembro de 2020 e noutro novembro, o deste ano, deixa o cargo por motivos profesionais, os mesmos que lle impediron en algunhas ocasións estar nos plenos: por estar embarcado. E mecánico naval, segundo oficial de máquinas en dragas que traballan en obra marítima por todo o mundo.

Precisa que dimite do cargo pero non da política.

Deixo a acta de concelleiro polo meu traballo pero non deixo a política. Na medida do que poida seguirei participando e asistindo na vida política do concello, e tamén na campaña electoral se estou aquí, porque das outras eleccións nas que eu ía de número dous, presentamos a candidatura e ao día seguinte embarquei por tres meses.

Iván Roca, número 6 do BNG na candidatura nas últimas eleccións, é o que toma o relevo, pero non quere dicir que sexa o candidato...

Iván colle o cargo temporalmente e estará ata as eleccións municipais. Aínda estamos traballando no proceso do programa, e na candidatura e no candidato ou candidata.

Deixa a acta de concelleiro porque ten que embarcar de novo próximamente.

Para conseguir un nivel profesional teño que botar tempo no mar e iso complica o desempeño do cargo. Hai que representar aos veciños e veciñas e é un lastre para o partido se falta esa representación. Agora seguramente vaia ter máis traballo, e era o momento tamén porque estamos no proceso de escoller a candidatura de cara as eleccións e as campañas empezan moito antes, e estamos no momento en que é necesario ter esa presencia constante, esa representación, tanto no Concello como na rúa coa xente. E cada vez que embarco son dous ou tres meses no mar.

Aínda que é militante do BNG, ata 2020 que dimitiu o anterior portavoz non entrou na política activa. Que lle pareceron estes dous anos?

A experiencia é satisfactoria porque estás traballando en algo máis grande ca ti, nun proxecto de concello e de país. Eu xa coñecía a vida política do concello porque comecei simpatizando con Alternativa e ía aos plenos. Co tempo vas madurando e ves outras opcións que se axustan mais ás ideas dun e din o paso de entrar no BNG.

O traballo de concelleiro da oposición é un labor desinteresado, que quita tempo libre e se hai unha maoiría absoluta diante, tamén será frustrante.

Que o Goberno con maioría absoluta nos pase por enriba frústranos a nós, frústrase o veciño, e pode chegarse á decepción. No caso do BNG ademais o que percibimos polas dietas é para o partido, é como nos financiamos, polo que todo o traballo que facemos é co noso esforzo e os nosos medios. E no meu caso, é vocacional, falo por iso. O traballo de concelleiro da oposición non se ve nada, a xente só ve o do día do pleno, que é un día ao mes, en Oleiros ás veces nin iso, pero só é unha mínima parte do traballo que fixeches días, meses atrás.

Compatibilizar o traballo, a profesión, cun cargo público, non é doado.

No meu caso xa é extremo, ao estar fóra meses en ocasións. Pero en xeral sí que é dificil ás veces compatibilizar a vida profesional coa vida política na oposición. E ás veces as empresas tampouco o facilitan. Teñen que deixarte saír pola mañá para unha comisión informativa e saír antes de rematar o traballo outro día para un pleno ás oito. Aínda que como cargo electo supostamente tes dereito, na práctica non sempre se respeta. Por iso, polas dificultades no traballo, é polo que moita xente non da o paso de entrar na política. E tamén porque tes moita exposición pública, e máis nun concello coma Oleiros onde nos coñecemos.

Ao mellor a experiencia de concelleiro sérvelle para algo no barco.

Ás veces non ven mal a experiencia política para a convivencia no barco, onde somos dez persoas, tres meses xuntos, xente de distintos lugares, e en moitas ocasións con présas por cumplir uns plazos no traballo. E na marina mercante ademais hai moito papeleo, informes, certificados, temos inspeccións por temas medioambientais moi duras...

E ao revés, a experiencia no mar tamén lle pode servir para a política.

Sí. O traballo no mar sírveche para ter outra perspectiva. No barco perdes moitas cousas e cando ves a terra valóralas doutro xeito. Hai unha disciplina e un compañeirismo que en terra non hai, e se intentas trasladalos a terra, sírveche para organizar mellor a túa vida.

Despediuse persoalmente do alcalde, tivo boa relación, e foi persoal municipal en Servizos...

Con Alternativa sempre houbo boa relación, persoalmente e como edil respetóuseme. Por temas de programa ás veces, aínda coincidindo, chocamos os dous partidos.. Pero hai un respeto mutuo porque temos cousas en común.

O BNG critica dende hai anos a falla de política de promoción do comercio local, do mercado municipal, de alugueres baixos...

A estas alturas Oleiros ten un modelo residencial-comercial moi feito, medra cos tempos e non se vai cambiar porque non interesa. Fora dos núcleos grandes coma Santa Cruz e Perillo, o norte e o sur do municipio están un pouco abandonados, e iso é responsabilidade das administracións e do concello.

Compartir el artículo

stats