Emilio Graña Mosquera acaba de ser elexido para encabezar a candidatura do BNG en Sada ás vindeiras elecións municipais de maio de 2023. A formación destaca que Emilio Graña é un militante nacionalista histórico pese á súa xuventude.

Naceu no 1972 na cidade da Coruña e actualmente é veciño de Mondego. É Biólogo e traballa como profesor dende hai máis de 20 anos nun centro concertado da Coruña e milita no BNG desde os anos noventa.

Participou en movementos ecoloxistas desde a súa época de estudante de bacharelato no Instituto da Agra do Orzán, estivo moi implicado no movemento a prol dunha planta de reciclaxe para a comarca despois do escorregamento do vertedoiro de Bens e tamén colaborou como voluntario na organización do envío de buses e na recollida de chapapote durante a marea negra do Prestige, destaca o BNG.

Esta é a segunda vez que figura nunha lista electoral. A primeira foi no ano 1999 o cupando o segundo posto na candidatura do BNG ás eleccións municipais no concello de Oleiros, onde vivía daquela.

Na actualidade é o responsable local do BNG de Sada. "Emilio é unha persoa dialogante, con capacidade de organización e de liderazgo para chegar a acordos, un perfil que necesita Sada nestes momentos de crispación que esixen diálogo coa sociedade, serenidade e rigor", destaca a formación nun comunicado no que avanza que comeza hoxe o traballo de deseño dun novo proxecto para Sada, cun "programa electoral renovado, participativo e ilusionante, coordinado por unha persoa concapacidade para dirixir un governo local forte".

"Comezamos esa nova etapa con confianza no futuro pero sen descoidar o momento presente, procurando evitar a confrontación entre sadenses pero sendo implacables con este governo de tránsfugas, que novamente protagonizaron feitos lamentables indesexables que desafortunadamente veñen repetíndose en Sada nos últimos 20 anos para bochorno de todas e todos", advirten,