Iván Roca | Novo portavoz do BNG en Oleiros

“O BNG non pide o voto, traballa o voto”

“Propostas que fai o BNG despois dun tempo o Goberno ponas en marcha: locais de ensaio, pista de ‘skate.’..”

Iván Roca no parque de Santa Cruz

Iván Roca no parque de Santa Cruz

M. V.

Iván Roca é funcionario na institución penitenciaria de Teixeiro (Curtis) onde se encarga da información xurídica e participa nas xuntas de liberdade provisional e comisións disciplinarias, entre outras. É militante nacionalista dende hai vinte anos e no vindeiro pleno en Oleiros tomará posesión como novo portavoz e concelleiro despois da marcha de Xurxo Martínez por motivos laborais.

Ía de número 6 na lista do BNG nas eleccións de 2019 e non pensaría que se convertería en portavoz.

Non, nunca o pensei. Outros compañeiros que están diante, por motivos persoais ou profesionais non podían. É difícil poder compatibilizar a vida laboral e persoal coa política.

É o portavoz e edil ata que acabe a lexislatura, pero vai ser tamén o candidato do BNG para 2023?

A asemblea local xa iniciou o proceso para a elección do cabeza de lista. Sobra xente no Bloque para poder ser candidato porque o BNG é un proxecto colectivo. Asumo a responsabilidade ata final de lexislatura porque é o compromiso que asumín en 2019.

Pero se llo propoñen, aceptaría ir como cabeza de lista?

Agora non toca, será unha decisión colectiva, de escoitar todas as voces para afrontar un difícil reto.

Cal é a expectativa para 2023?

Aínda que non sexamos decisivos, poder implementar as nosas políticas, con exemplos que se ven en outros concellos, políticas innovadoras e do ben común. Aí están Pontevedra ou Allariz, con moitos anos de vantaxe sobre A Coruña, por exemplo, cunha Cidade Vella sen desenvolver. Temos experiencia. O BNG non pide o voto, traballa o voto.

Comparten cousas con Alternativa dos Veciños e será difícil reter os votos.

Con Alternativa dos Veciños partillamos moitas cousas en común pero tamén diferenzas de calado, sobre todo en actitude e en que o BNG non é de personalismos senón de equipo e compromiso. Non compartimos o modelo Falcon Crest de grandes infraestruturas, residenciais e comerciais, e non valorar o comercio local, o mercado. A maior diverxencia con Alternativa é sobre todo no modelo urbanístico. Ser un concello con moitas licencias non é un índice de benestar social. O obxectivo sería que Alternativa non tivese a maioría absoluta para que non pasase o rolo pero aínda así o BNG consegue realizar a súa axenda.

Por exemplo?

Hai moitos exemplos de propostas nosas que nos rexeitaron e pasado o tempo o Goberno as puxo en marcha: o paseo fluvial do rego de San Pedro, o transporte por barco con A Coruña tamén o propuxemos hai anos. Un albergue, que van facer agora na finca de Nós; un área de autocaravanas, a pistasde skate, os locais de ensaio de música, a oficina de turismo de Santa Cristina, a rotonda de A Chasqueira... E tamén somos os que denunciamos as carencias: problemas endémicos como a falta de matronas e pediatras, falta dun plan integral para a Costa de Dexo, necesidade dunha zona de residentes no verán, restaurar o museo Os Oleiros, unha escola oficial de idiomas, una escola infantil en O Vieiro, continuar municipalizando servizos como o das piscinas...

Ve algunha debilidade en Alternativa?

Demasiado gasto en propaganda canto hai unha emisora municipal, pública, á que por certo nunca nos invitan. O traballo ten que falar por si mesmo sen propaganda con fondos dos veciños. Ao mellor é porque ten problemas para atopar relevos, e sábeo. E hai unha identificación entre partido e Concello, e non é necesario, a cidadanía ten capacidade suficiente para decidir e votar ben.

Suscríbete para seguir leyendo