Kiosco La Opinión de A Coruña

La Opinión de A Coruña

José Luis Sacau Fontenla Presidente da Federación Galega pola Cultura Marítima e Fluvial (Culturmar)

“Esperamos poñer en valor a cultura marítima que existe no golfo Ártabro”

“Galicia é unha das comunidades europeas que ten unha maior diversidade de embarcacións” | “É distinto un barco que faena nas Rías Altas que outro nas Rías Baixas”

José Luis Sacau Fontenla

A Federación Galega pola Cultura Marítima e Fluvial (Culturmar) presentou a principios deste mes na capela de San Roque de Sada o XVI Encontro de Embarcacións Tradicionais de Galicia, que se celebrará na localidade do 3 ao 6 de agosto deste ano. Decenas de barcos estarán no porto chegados de toda Galicia e incluso de fóra. Tamén haberá actividades para nenos e adultos.

O Encontro Tradicional de Embarcacións Tradicionais regresa ás Rías Altas 16 anos despois, e en concreto a Sada. Que esperan desta edición?

Esperamos poñer en valor a cultura marítima do golfo Ártabro. Cada encontro saca á luz temáticas e mostras e demais que teñen unha relación directa coa localidade na que se celebre. Neste caso toca Sada e haberá unha mostra destacada da cultura mariñeira de Sada e tamén de toda a contorna natural de Sada e de todo o golfo Ártabro. Iso por un lado e por outro lado, incorporamos sempre mostras da cultura mariñeira que poden ser comúns a toda Galicia e máis alá. Mostras que poidan ser de Portugal, do País Vasco e do Mediterráneo. Distintas comunidades que achegan ao encontro mostras da súa propia cultura.

Noutras edicións houbo moita participación por parte do público?

Os encontros son sempre un éxito de público, por parte do número de visitantes como de participación.

Participa xente nova? Coméntoo porque sempre se fala de falta de relevo nas profesións relacionadas co mar.

Unha das cuestións importantes dos encontros é achegar novos públicos aos que finalmente pode apetecerlles introducirse neste mundo. Os colectivos que participan sempre levan xente nova. Gustaríanos que fose máis, evidentemente. Este é un dos motivos da celebración dos encontros: atraer todo tipo de públicos, como xente nova como doutras idades, que proceda do mundo do mar e que non. E todo tipo de público que coñeza esta realidade cultural e que poidan sentirse atraída por ela.

Que destaca máis destes encontros?

Os encontros sempre teñen varias propostas que son comúns a todos os encontros. Hai unha proposta dedicada as crianzas, que son actividades diversas tanto en mar como en terra. Esta é unha parte moi bonita porque é moi familiar. Están os rapaces cos seus pais. Despois hai outra parte que consiste en un encontro inclusivo, con unha serie de actividades que desenvolve algunha entidade local que se dedique a atender a persoas con diversidade funcional. Despois a proposta de animación e mostras audiovisuais. Tamén hai talleres de oficios tradicionais.

Por que elixiron Sada?

Os encontros, que se veñen celebrando desde 1993, teñen circulado por distintos portos. Cada dous anos celébrase nun porto distinto. A zona onde hai una potencia da cultura mariñeira, máis colectivos e máis flota, son as Rías Baixas. Iso é algo innegable. Para nós, volver ao golfo Ártabro, onde estivemos en Ferrol no ano 2007, era un reto, por un lado, e unha ilusión por outro. Tocar o golfo Ártabro de novo fainos especial ilusión.

Que tipo de embarcacións poderán verse?

Todas as que temos en Galicia e seguramente algunha máis. Galicia é unha das comunidades europeas que ten unha maior diversidade de embarcacións, non digo cantidade. Hai unha maior tipoloxía, adaptada a cada zona de faena. É distinto un barco que faena nas Rías Altas que outro nas Rías Baixas. Iso da pé a que en Galicia existan 20 tipos. É unha diversidade enorme. Poderán verse dornas, bucetas, balandros galeóns...

Compartir el artículo

stats