Festa da Lingua, actuación da Big Band e concerto de Uxía e Ruibal, todo o sábado

A actividade sobre a lingua inclúe catro espectáculos para menores de ata seis anos

REDACCIÓN

Ata tres grandes citas culturais haberá este sábado 6 de maio en Oleiros. A primeira será a Festa da Lingua, pola vindeira celebración do Día das Letras Galegas.l Será en As Torres de Santa Cruz en horario de mañá e tarde. Son catro espectáculos culturais dirixidos a nenos e nenas de ata seis anos.

Esta Festa da Lingua comezará ás 12.30 coa Feira das sementes de Teatro Babaluva. Ás 17.00 continuará con Eira Xandobeleira e ás 18.15 representarase a obra de teatro Brilla, brilla da compañía Trémola. A última actuación será ás 18.30 horas con Cantamúsica de Pablo Díaz e Olga Kirk.

A Big Band da Escola Municipal de Oleiros actuará ás 19.00 horas no parque da Casa do Pobo de Lorbé. Será un concerto gratuíto e aberto a todas as persoas. Nas vindeiras semanas continuarán programándose estas actuacións.

Ás 20.30 horas no auditorio Gabriel García Márquez de Mera actuarán Uxía e Ruibal, que presentan o traballo De tu casa a la mía, un retrato musical de dous poetas, Rosalía e Federico García Lorca. Os dous intérpretes farán novas melodías para coñecer máis a fondo a súa obra e descubrir a admiración de Lorca por Rosalía, nunha unión norte-sur que culminou cos seis poemas galegos do autor andaluz, editados en 1935 (e que inclúen un canto de berce). As entradas custan seis euros e poden adquirirse a través de Ataquilla.com ou dende unha hora antes na billeteira do auditorio.