Miguel Sande | Poeta, presentou o seu novo libro na biblioteca

“A vellez non é o final dunha etapa, senón o principio de algo novo”

“O brinde e o desespero son as dúas caras da vida: de felicidade, por un lado, e de angustia, polo outro”

Miguel Sande (esquerda) e César Morán (dereita). |  //CASTELEIRO/ROLLER AGENCIA

Miguel Sande (esquerda) e César Morán (dereita). | //CASTELEIRO/ROLLER AGENCIA / Adrián G. Seoane

Adrián G. Seoane

Adrián G. Seoane

“No centro de saúde, os anciáns entran e saen na busca duns anacos máis de vida cos seus receitarios de palabras brancas, renovadas, aínda que a mañá sexa sempre a mesma”. Estes é un fragmento de Brinde e desespero, o novo poemario de Miguel Sande (Arteixo, 1961), que o autor presentou esta semana na biblioteca central xunto ao cantautor César Morán. A obra, publicada por Xerais, alzouse o ano pasado co premio Johan Carballeira de Poesía do Concello de Bueu.

Por que decidiu presentar o poemario con un cantautor?

É un formato que xa fixéramos en Carballo e A Coruña e que decidimos repetir en Arteixo porque funcionou bastante ben. Alternamos cancións e poemas. César interpreta a súa música e eu recito.

Que temáticas aborda no libro?

Son poemas do día a día. E aí onde creo que está a novidade, en sacar poesía de feitos cotiáns nos que ao mellor non reparamos. Por exemplo, hai poemas sobre un café, na perruquería, no ximnasio... Outra visión presente son as relacións familiares e como van variando co paso do tempo. E a parte final é un poema moi longo sobre un paseo por Londres.

MIGUEL SANDE Y CÉSAR MORÁN

MIGUEL SANDE Y CÉSAR MORÁN / Casteleiro/ Roller Agencia

Tamén trata bastante a vellez.

Si, creo que se pode entender como un camiño de volta na vida. A vellez non é o final dunha etapa, senón o principio de algo novo.

De onde xorde o título do libro?

Da vida mesma. O brinde e o desespero son as dúas caras da vida: de felicidade, por un lado, e de angustia polo outro.

Por que escolleu a prosa poética como formato?

Eu prefiro non empregar ese ermo. Estes son poemas que non están suxeitos ao xustillo da métrica, aínda que si teñen música e acentuación. Por iso non me gusta dicir que é prosa poética.

Cales diría que son os poemas que máis lle chegan á xente?

Depende do público. Hai un poema sobre un alumno expulsado polo claustro de profesores que gusta moito entre a xente nova e de mediana idade. Á xente máis maior gústalle o poema da avoa, que é puro sentimento. Algunhas persoas choran, porque seguramente saben do que falo ou igual teñen á alguén nunha situación similar.

Suscríbete para seguir leyendo