Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

Sara Martínez Bello gaña o V Premio de Poesía Filomena Dato de Bergondo

O premio ten unha dotación de 2.500 euros e a publicación pola editorial Apiario

sara Martínez Bello

sara Martínez Bello / LOC

Sara Martínez Bello, licenciada en Historia da Arte e Técnica Superior en Integración Social, é a gañadora do V Premio de Poesía Filomena Dato convocado polo Concello de Bergondo co poemario Eira. O xurado dou a coñecer hoxe a resolución do galardón e salientou o "traballo coa memoria apoiándose na presenza do sensorial sen caer en tópicos" que amosa a obra presentada, na que se sostén o interese "de lectura de comezo a fin", e cun "coidado da linguaxe".

O premio ten unha dotación económica de 2.500 euros e a publicación da obra pola editora Apiario na colección de poesía Filomena Dato. O xurado estivo integrado por Dores Tembrás, Lois Pérez e Noelia Gómez, xunto coa alcaldesa Alejandra Pérez, sen voto.

Sara Martínez traballou como editora de libros e correctora, ademais de formar parte de experiencias coma a dinamización do proxecto Mulheres e Cárcere. O pasado mes de xaneiro recibiu da biblioteca Miguel González Garcés da Coruña un recoñecemento como Socia de Honra por ser unha das maiores lectoras.

A través deste galardón o Concello de Bergondo fomenta a creación poética en galego e homenaxea á autora local Filomena Dato Muruais, fundamental no movemento literario do Rexurdimento e á que se lle dedicará o ano 2026.

Tracking Pixel Contents