Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

Adeus a «un dos baluartes dunha tradición que esmorece»

Falece Manuel Freire Fernández, gaiteiro integrante de Os Freires de Oza dos Ríos, «un dos mestres que deixa un legado importante», defende o músico e investigador Pedro Lamas

De esquerda a dereita, o pai de Manuel Freire, Manuel, O Cafú e Xosé de Loureiro.

De esquerda a dereita, o pai de Manuel Freire, Manuel, O Cafú e Xosé de Loureiro. / LOC

Oza-Cesuras

Aínda non cumprira dez anos e xa «tiña un dominio da gaita» que facía que o seu pai o invitara a tocar co seu grupo, moi coñecido nas Mariñas, «para que o público se marabillara». Cando medrou, animou ao seu pai a formar xuntos un cuarteto, Os Freires de Oza dos Ríos, co que «puxeron música a toda a contorna das Mariñas e son nomes que a todo o mundo lle soan, sobre todo á xente maior». E este sábado, aos 96 anos, faleceu Manuel Freire Fernández, «un dos últimos símbolos vivos doutra época, un dos mestres que deixaron un legado importante que hai que poñer á vista das novas xeracións, porque moita xente nova non son coñecedores de que houbo outra maneira de entender a gaita e a música tradicional», reivindica o gaiteiro, saxofonista e investigador Pedro Lamas, quen entrevistou a Freire hai uns anos, cando xa deixara o mundo da gaita.

O conxunto co que puxeron música a incontables festas das Mariñas a mediados do século pasado, coñecido tamén como Os Zapateiros de Oza —polo oficio do seu pai, José, e o seu irmán Pepe—, actuou en «moitísimos lugares da contorna» e «foi invitado a tocar con bandas de música». Porque, «a diferencia doutros gaiteiros, eles sabían ler música», conta Lamas.

«Agora hai outra forma de entender a gaita e o seu protagonismo na música. E con Manuel Freire desapareceu un dos baluartes dunha tradición que esmorece», observa Lamas. Os cambios na gaita desde os tempos de Freire abarcan desde o papel na sociedade dos gaiteiros ata a mesma técnica e o son que se saca do instrumento. «Para min, foi moi interesante coñecelo porque me transmitiu que lle parecía que non se estaba preservando na actualidade a forma de tocar en pechado, característica de tocar os gaiteiros vellos, e vía que non estaba en uso», conta Lamas, a quen lle quedou pena de non tocar para el «para que vira que xente nova quere tocar en pechado». Tamén a consideración dos cuartetos tradicionais mudou, primeiro, coa moda das orquestras e, despois, cando nos 90 se deu un rexurdir da gaita e un boom de solistas e grupos folk, sinala o músico e defende que poñer caras, contar as historias e dar relevancia social a estas figuras pode axudar a manter «un fío que poda facer que as novas xeracións se interesen por recuperar espazos que a gaita tivo e foi perdendo».

Suscríbete para seguir leyendo

Tracking Pixel Contents