Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

Dende as baleas ata os naufraxios: a historia de Suevos a través da literatura

O escritor Xabi Maceiras realizou un roteiro a través do legado material e inmaterial que alberga Arteixo na actualidade

Xabi Maceiras xunto aos participantes no roteiro literario

Xabi Maceiras xunto aos participantes no roteiro literario / Carlos Pardellas

¿Ya nos sigues?Márcanos como medio preferente
Añádenos en Google

Candela F. Roldán

Naufraxios, baleas, torres vixía, lendas e toponimia foron só algúns dos temas que centraron o último roteiro literario organizado polo escritor arteixán Xabi Maceiras que, en colaboración coa Rede Municipal de Bibliotecas de Arteixo e a área de Cultura do Concello, fixo un repaso pola historia da localidade cos libros a costas. Acompañado da literatura propia e da allea, e de preto de 40 veciños e visitantes, Maceiras fixo un percorrido de 14 paradas dende O Rañal ata Suevos para poñer un foco histórico sobre algúns dos puntos máis importantes que hoxe conforman o núcleo.

Situado a carón do porto de Suevos, dende a praia de Area Grande, o divulgador cultural comezou a súa incursión polo terreo arteixán facendo mención ao famoso trolebús inglés que funcionou na localidade ata finais da década dos 70. "Esta finca que temos ao carón era de Juan Cancelo, fillo do famoso fotógrafo coruñés, a cal compartía no seu momento con César Bonilla, o das patacas fritas, porque eran grandes afecionados á pesca. Cando Bonilla lle vendeu o terreo a Cancelo, este trouxo o trolebús a Suevos, e este foi o escenario de moreas de festas e anécdotas", dixo o arteixán, que recorda a historia deste bus, o número 34, nun dos capítulos do seu libro Crónicas de Arteixo III.

Xabi Maceiras xunto aos participantes no roteiro en Suevos.

Xabi Maceiras xunto aos participantes no roteiro en Suevos. / Carlos Pardellas

Tal e como indicou o escritor, o salitre foi roendo as entrañas daquel bus número 34, que durante dez anos percorreu as rúas de Londres antes de facer o mesmo nas da Coruña durante case dúas décadas, ata que foi desmantelado en 1998.

Un porto baleeiro traballado por vascos

O propio porto de Suevos foi porto baleeiro hai 500 anos, coñecido como porto dos vizcaínos. "Aquí viñan os vascos, e os galegos aprenderon o oficio despois", explicou o divugador cultural, que asegurou que un dos veciños da localidade, finado recentemente, logo de recoller os ósos das baleas nos anos 50, dedicouse durante moitos anos a realizar ferramentas con eles. Unha testemuña á que se uniu unha veciña de Malpica, que recordou que cando tiña cinco anos, viu unha balea varada a carón da súa casa. Un momento "que me quedou gravado", afirmou. Maceiras animou aos interesados a coñecer toda a historia a través de Los Balleneros en Galicia (siglos XIII al XX) de Felipe Valdés.

A poucos metros do porto, e cunhas espectaculares vistas do mar, atópanse unhas instalacións hoxe abandonadas repletas de pintadas que foron construídas nos anos 20 coa pretensión de ser un foco de iluminación para ceo e mar.

"Hai un libro dun militar xubilado, Xosé Manuel López, no que fala das insalacións que fixeron un cometido semellante a esta, dende Ferrol ata A Coruña. Segundo el, este proxecto de iluminación do Golfo Ártabro, en plena Ditadura de Primo de Rivera, para localizar polas noites a posibles obxectivos inimigos", explicou Maceiras, que dixo que, tamén na península de Langosteira, había una torre vixía, situada alí para alertar dun posible ataque inimigo, onde hoxe quedan os restos dun posto de vixianza militar.

Unha furna coñecida por un naufraxio

Embarrancou un barco alemán, o Triel, que zarpara de Alemaña con dirección a México en xullo de 1902. O capitán tivera un erro de navegación, e, ao confundir o Cabo Prior co Monte de San Pedro, isto provocaría que o Triel embarrancara na furna que hoxe coñecemos por ese nome. "As historias marítimas e de naufraxios foron quedando aí, dun xeito e outro, e deixaron a súa pegada en Arteixo", asegurou o guía do roteiro, que invita a coñecer máis a través de O mar de Arteixo e os seus naufraxios.

EEn O autor tamén fixo mención ás cinco vidas que se perderon dende o inicio das obras do porto de Langosteira. "Non podemos non mencionalas, posto que a construción deste espazo tamén foi acompañado de catástrofes, e non podemos olvidar o que se fixo mal", sentenciou Maceiras, que recordou que hoxe, somos o que somos, e pisamos a terra que pisamos, grazas ao traballo de moitos que viñeron antes ca nós.

Tracking Pixel Contents