Xabier Maceiras, escritor: «Reunín máis de 600 contos de Arteixo, son un obreiro da historia»
O blog ‘Crónicas de Arteixo’ cumpre dez anos, e o seu artífice acaba de publicar unha segunda edición dos dous primeiros libros que foron producto do mesmo para conmemorar o seu nacemento. O divulgador asegura que con este traballo só busca recuperar a memoria dos seus veciños
O escritor Xabier Maceiras (Arteixo, 1970) pode presumir de ser profeta na súa terra. O guionista, documentalista e divulgador cultural, como prefire que se refiran a el, está de aniversario. Este ano cúmprese unha década dende que Maceiras abriu o seu blog Crónicas de Arteixo, un camiño cultural polo municipio que o arteixán realizou «pouco a pouco» ata que logrou recompilar centos de historias que máis tarde pasarían a materializarse en tres libros co mesmo nome, e a dar continuidade no concello veciño co blog Crónicas da Laracha. Agora espera poder recolectar moitas máis historias, xa que o escritor di que este é só o inicio para el.
Xa van dez anos de Crónicas de Arteixo. Case nada.
Así é. E aproveitando este décimo aniversario do blog decidín sacar unha segunda edición dos libros Crónicas de Arteixo I e Crónicas de Arteixo II. Levaban anos esgotados e dixen por que non. Era un bo momento de volver a poñelos a disposición dos lectores.
E nin unha soa semana sen faltar ás publicacións do blog.
Dende 2014 nunca. En Arteixo hai 13 parroquias e eu intento tocalas todas. Ao principio incluso facía dúas ou tres publicacións semanais. Eu son como o Rock and Roll, escribo o que me apetece e cando me apetece.
Cando comezou a escribir este blog, xa tiña en mente que levaría as historias ao papel?
Nunca o pensei. Eu fago este blog co único cometido de recuperar as historias dos meus veciños, sobre todo as das persoas maiores. Moitos vanse cando non deben, e hai moito que recuperar da súa memoria. Esta aventura nace co obxectivo de afondar no pasado. Eu, xa de pequeno, sempre fun de escoitar as historias de aldea. Medrei escoitando contos, en especial os relacionados co mar, e algúns deron pé aos meus primeiros traballos.
E por que decidiu autoeditar os seus traballos?
Estou moi cómodo na niña contorna, que é a bisbarra de Arteixo e Bergantiños. Disfruto do traballo de campo, e levalo ao papel é unha continuación dese traballo. Gústame estar en contacto en todo proceso, coa niña xente, co público, cos libreiros. Todo ten o seu percorrido, e eu necesito ese contacto en todo momento.
Garda algunha historia con especial cariño?
Recompilei máis de 600 historias de Arteixo ao logo destes anos, son un obreiro da historia. Para min todas elas son especiais, pero o que máis me gusta é escribir sobre o Arteixo da niña infancia, o que me tocou vivir. Agora, o blog xa chega ás 610.000 visitas, e o post máis lido é o que lle adiquei a Man, o alemán de Camelle. Todo xurdiu porque a miña nai quitou o carné de conducir cunha muller de Camelle. Alí fixérase amiga dunha muller, e iamos os dous mínimo unha vez ao mes. Sempre que iamos alí, ela contábame esa historia. Estou orgulloso de que esa publicación superase as 14.000 visitas, porque lle gardo un especial cariño.
Queda moito por coñecer de Arteixo?
E tanto. Queda moito por investigar sobre moitos temas. A min gustaríame profundizar máis sobre patrimonio, porque é un tema que me encanta, e aínda hai moito que descoñecemos. Mentres tanto, eu intento trasladar as historias da localidade aos máis pequenos realizando charlas con colexios do municipio e facendo roteiros pola contorna.
Que lle queda por facer?
Un mundo. Eu cada día aprendo e descubro cousas novas. Son un afortunado de poder vivir e traballar disto. Dáme mágoa que cada vez falemos menos co lume da lareira de fondo. Perdéronse eses costumes de antes, os remedios populares . Eu só agardo poder recuperar todas as ensinanzas que que transmitiron. Con iso estarei máis ou menos tranquilo.
- La DGT activa un nuevo radar en una carretera que une Oleiros, Cambre y Abegondo
- La carnicería de Arteixo que rompe barreras culturales
- El jardín privado de los superhéroes en Meirama
- El mobiliario betanceiro abre debate público
- Estos son los apellidos más comunes de A Coruña: el más utilizado habla de la mentalidad guerrera de la ciudad
- La Fiscalía pide 3 años de prisión y 18 de inhabilitación para Benito Portela
- El Ayuntamiento oleirense contrata la atención telefónica al vecino
- La Fiscalía pide 3 años de cárcel y 18 de inhabilitación para el alcalde de Sada por el caso de las multas