Xosé Bocixa, o labrego do audiovisual volve á carga

O veciño de Cerceda e vocalista do grupo de rock Zënzar ten todo listo para lanzar un novo documental sobre a Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega, no que busca reflectir dunha forma crítica a situación que vive o sector na actualidade a través da voz dos seus protagonistas

Xosé Bocixa, a carón da súa casa, nas Encrobas. |  Iago López

Xosé Bocixa, a carón da súa casa, nas Encrobas. | Iago López

Cerceda

Xosé Bocixa non coñece o descanso nin nada que se lle pareza. Aínda que o vocalista de Zënzar, natural da parroquia das Encrobas en Cerceda, afirma que xa non está «para tantos trotes coma antes», o certo é que o cineasta xa ten todo listo para lanzar o seu próximo proxecto audiovisual: un documental sobre o pasado e o presente da Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega. «É unha pequena reflexión crítica sobre a situación da lingua e do sector», explica Bocixa, que viaxou por toda Galicia con cámara e trípode en man para compoñer un relato plural da man dos seus protagonistas.

Yolanda Castaño, Mercedes Queixas ou o recentemente falecido Bernardino Graña, son só algúns dos protagonistas que pasaron polo foco de Bocixa durante os últimos dous anos. «Eu son un labrego, un artesano deste oficio, e tomo a vida con calma», asegura o músico, que realizou o documental el só «petando porta por porta, coa colaboración da Aelga, iso si». Mentres «baralla» a data de estrea, o veciño de Cerceda prepárase para o Chanfainalab, o festival de cine independente de San Sadurniño, que se celebrará na localidade coruñesa durante a próxima fin de semana, na que improvisará unha curtametraxe xunto a outros compañeiros de sector.

Imaxe captada durante a rodaxe do documental.

Imaxe captada durante a rodaxe do documental. / LOC

«Imos xente que estamos lonxe da alfombra vermella, os que estamos máis preto dos intereses sociais, culturais e reinvindicativos, os que traballamos dende a base, dende o pobo», argumenta Bocixa, que di que ese foi tamén o motivo co que naceu Zënzar, a banda de rock máis veterana de Galicia, que continúa en activo despois de case 40 anos. Seguen a ensaiar en Cerceda, onde se reúnen unha vez por semana para «charlar, tomarlle algo e se iso tocar», di o vocalista do grupo, que o pasado ano publicou xunto aos seus compañeiros A culpa foi de Zënzar, unha obra creada por Laura Romero, baixista e ilustradora da formación cercedense, que reuniu máis de tres décadas de historia musical , ou como el prefire describilo: «un anecdotario bestial».

«Recordamos momentos como cando o mánager de Extremoduro nos quixo levar de xira por campos de fútbol e prazas de touros, pero nós preferimos quedar aquí na casa, porque o noso obxectivo non era ter un grupo famoso, senón crear tribo e comunidade en Galicia», explica o cineasta cercedense, que di que esa é a máxima pola que se rexen tanto el como os seus colegas de Zënzar. Agora espera seguir moitos anos máis «berrando e filmando», mellor ou peor, pero sempre con «espírito crítico e moita calma».

Tracking Pixel Contents