Nabiza Girl, lista para conquistar Sada

A actriz e humorista coruñesa Isabel Risco porá en acción por primeira vez os poderes da súa mítica superheroína a través dun espectáculo teatral que terá lugar na casa da cultura Pintor Lloréns, o domingo, co único cometido de resolver o seu maior temor: «O esmorecer da cultura galega»

O equipo do espectáculo de Nabiza Girl.

O equipo do espectáculo de Nabiza Girl. / LOC

Sada

A actriz e humorista coruñesa Isabel Risco volverá enfundarse na pel de Nabiza Girl, a «superheroína da cultura galega», a través dunha performance que inaugurará na casa da cultura Pintor Lloréns de Sada este domingo, 23 de febreiro, a partir das 19.00 horas. «Nabiza Girl non se viu noutra así. Esta será a primeira vez que poña en acción os seus superpoderes diante de todos», asegura Risco, que está «emocionada» de poder estrear este espectáculo en Sada, a terra da súa familia.

Despois de lanzar en 2023 a banda deseñada As aventuras de Nabiza Girl. Operación Breogán, e de publicar en 2024 a web serie Así falamos, así sentimos, onde Nabiza Girl é a gran protagonista de ambas historias, a superheroína traspasará fronteiras e viaxará agora por diferentes escenarios da provincia procurando resolver o seu maior temor: o esmorecer da cultura galega.

«Escollemos Sada para empezar esta xira de As Aventuras de Nabiza Girl. O estraño caso da cultura minguante porque eu me criei alí, é o meu fogar e síntome unha máis, por iso afirmo sen dúbida que en Sada hai moitas veciñas bravas que creo que poderán sentirse identificadas con ela», sostén a actriz, que di que o único cometido de Nabiza Girl é enxalzar os superpoderes que teñen as persoas que residen en entornos rurais «para facer que estes lugares e as súas xentes continúen en activo».

A loita desta superheroína por manter en pé a cultura galega inclúe, entre outros perigos, o descenso de galegofalantes que reflicten as estatísticas, que será o leitmotiv deste novo espectáculo escénico, que Risco escribe xunto a Carlos Ares e Fran Rei, quen se encarga tamén da dirección da obra.

Ademais, a superheroína non estará soa nesta nova aventura, xa que contará coa compañía de Don Galizo, un leal escudeiro interpretado por Alberte Bello, que porá un toque «moi retranqueiro» á obra de teatro. O equipo da montaxe complétase coa coreógrafa Estefanía Gómez, encargada do movemento escénico; Suso Montero, quen xunto á propia Risco deseñou a escenografía; Javier A. Ayude, responsable da iluminación, e Marta Horjales como coordinadora do proxecto.

Isabel Risco di que a superheroína, caracterizada por levar sempre consigo unha fouce e unha estrela vermella, volverá demostrar o seu compromiso coa igualdade e coa lingua para «vencer ás forzas do mal», e adianta que o espectáculo incluirá personaxes reais da cultura galega baixo nomes en clave. A xira continuará o 14 de marzo no Centro Ágora da Coruña, en Barbadás o 28 de marzo e o 5 de abril en Muros. Polo momento, os interesados en acudir ao espectáculo de Sada deberán adquirir as entradas na páxina web do Concello.

Tracking Pixel Contents