Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

As cantareiras de onte e de hoxe danse cita en Cerceda

A RAG inaugurou no colexio Celso Emilio Ferreiro a Primavera das Letras, un proxecto para celebrar a lingua e levala aos máis pequenos, «encargados de facer que siga viva» a través da peza teatral As Ferreñas, interpretada polas alumnas do centro educativo

A RAG presenta a nova edición do seu proxecto para o público infantil 'Primavera das Letras'

A RAG presenta a nova edición do seu proxecto para o público infantil 'Primavera das Letras' / Carlos Pardellas

Cerceda

A primavera chegou por adiantado a Cerceda. A poucos días de dar comezo a estación, as alumnas e alumnos do colexio Celso Emilio Ferreiro fixeron unha viaxe ao pasado para conmemorar o labor das súas veciñas Adolfina Casás Rama e a súa sobriña Rosa, coñecidas como as Cantareiras de Cerceda, que este ano serán homanaxeadas polo Día das Letras Galegas xunto a Eva Castiñeira, de Muxía, e Manuela Lema, Teresa García Prieto e Prudencia e Asunción Garrido Ameixenda, integrantes das Pandeireteiras de Mens.

A través da obra teatral As Ferreñas, protagonizada polas alumnas de 5º e 6º de Primaria, a Real Academia de Lingua Galega (RAG) inaugurou a Primavera das Letras, un proxecto lingüístico que busca «implicar aos máis pequenos na celebración da nosa lingua e dos nosos escritores», afirmou o seu presidente, Víctor F. Freixanes, que enxalzou o poder comunicativo das cantareiras. «Sen necesidade de poñer por escrito as súas letras, estas mulleres transmitiron a tradición, a lingua e a identidade galega a todos os fillos e netos que viñeron detrás, e que hoxe permanecen vivas grazas a elas e a vós», dixo Freixanes.

Meu dito, meu feito. As alumnas do colexio de Cerceda trouxeron de volta ás cantareiras a través da obra teatral escrita por Paula Carballeira As Ferreñas. Seis cantareiras novas, coñecidas como ferreñas, fixeron un chamamento ás súas antepasadas para poñer en común as súas letras. «Esa conexión entre onte e hoxe é precisamente a cerna d’As Ferreñas, un texto que é teatro, pero tamén radio, poesía e moitas outras cousas», explicou Paula Carballeira, galardoada en 2023 co Premio Nacional de Literatura Dramática, que estivo acompañada por Nuria Díaz, a ilustradora do proxecto.

Unha obra cargada de coplas, piques e réplicas arredor dun programa de radio, acompañada polo ritmo das pandeiretas, das que se encargaron de encarnar os seus compañeiros. «Estreamos esta iniciativa coma quen inaugura unha fermosa ponte. Unha ponte máxica, feiticeira, que comunica a RAG coas nenas e nenos dos colexios de toda Galicia», asegurou a escritora pontevedresa e encargada do proxecto Fina Casalderrey. Neste sentido, o alcalde da localidade, Juan Manuel Rodríguez García, quixo agradecer «o grandísimo traballo» realizado polo centro, que ademais acaba de ser premiado no certame escolar das Letras Galegas convocado polas consellerías de Cultura e Educación.

«É un orgullo e unha satisfacción que as novas xeracións manteñan vivo o legado das nosas cantareiras», afirmou o rexedor, que fixo especial fincapé no laborda directora do colexio, Silvia Betanzos.«Un pobo non pode quedarse sen canción. É como se de súpeto se quedase sen lingua». Parafraeando ao autor que dá nome ao centro, a directora recordou a importancia desas mulleres galegas que, como Adolfina e Rosa, retrataron a través da sua música os costumes dun pobo galego que loitaba por saír cara adiante.

«A música da miña avoa era resistencia e amor pola terra»

O acto tamén contou coa participación dalgúns familiares das cantareiras de Cerceda, como a neta de Rosa, Felicidad Casás, que se mostrou moi emocionada polo recoñecemento á súa avoa. «A música da miña avoa non era só festa; era resistencia, era amor pola terra, era orgullo de ser galega», sentenciou. A neta de Rosa, que viviu con ela dende os 13 anos, recórdaa como unha muller «forte e de gran carácter, que tiraba sempre de todos para xuntarnos e facer festa». Juan Manuel Soto, un dos netos de Adolfina, recoñeceu que nunca imaxonou que a súa avoa chegaría tan lonxe.

«Eu crieime escoitando a súa música, que nunca deixaba de soar», recordou. Tanto Rosa como Adolfina, naturales de Vila da Igrexa, tiveron vidas con grandes paralelismos. Ambas foron fillas de solteira, aprenderon a tocar e cantar da man de mulleres da familia, foron labregas e lavandeiras. As dúas foron tamén nais solteiras. Rosa tivo catro fillos e Adolfina tres, aínda que ningún continuou coa música, eles mesmos recoñecen que a pegada «quedou aí en moitos sentidos».

Tracking Pixel Contents