Silvia Tasende: «Saín do armario literario a raíz de ser nai para contar a historia de moitas familias»

A docente carballesa presentará xunto á lingüística Gabriela Prego a súa primeira novela, ‘O espírito das maceiras’, este sábado, 5 de abril, na Capela do Balneario de Arteixo. Prepara un encontro no que pretende involucrar ao público con historias do rural que «nos tocan a todos»

Silvia Tasende.

Silvia Tasende. / Germán Barreiros/ Roller Agencia

Arteixo

A xornalista, escritora e docente carballesa Silvia Tasende sae «do armario» con O espírito das maceiras, a súa primeira novela, un libro centrado na familia e na condición humana, na que o rural galego xoga un papel fundamental. A escritora presentará a súa ópera prima este sábado, 5 de abril, na capela do Balneario de Arteixo, ás 12.30 horas xunto á lingüísta e docente da Universidade de Santiago Gabriela Prego.

Ata agora coñeciamos máis a súa faceta como poeta. Que a impulsou a dar o paso á narrativa?

Aos xornalistas gústanos escribir, e eu fágoo dende sempre. Non é o primeiro libro que escribo, pero si que é o primeiro que publico. Saio agora do armario literario a raíz de ser nai. A maternidade para min foi un antes e un despois, e quero contar a historia de moitas outras familias.

Na novela realiza unha retrospectiva familiar dende o punto de vista de cada xeración. Empregou as súas propias vivencias?

En parte si. Quixen dedicar este libro ao meu pai, que morreu hai dous anos. Fago un tributo á súa memoria e á de moitas máis familias a partir da miña. Ao final, con esta novela quixen facer dunha historia persoal unha historia colectiva coa que moitos poderán sentirse identificados.

A protagonista enfróntase á decisión de se vender ou non a súa casa familiar. Un tema que toca a moitas familias, en especial ás do rural galego.

Así é. Todo xira en torno a unha casona típica de aldea pola que pasaron moitas xeracións. As historias rurais son importantes, e a Galicia rural sempre estivo moi vencellada a este tipo de dilemas. Que a aldea se chame Morriña non é casualidade. Moitos recordamos eses espazos con certa idealización, porque aínda que volvésemos a eses anos, non sería todo igual. Os lugares están vencellados a un tempo. Morriña é un lugar que se bota de menos. Por iso mesmo non me figuraba escribir o libro noutra lingua que non fose a nosa.

E cun galego que se escapa da normatividade.

É o galego da xente que eu coñecín, da miña zona. Un galego moi rico e menos contaminado que agora. Quería que soara real. A niña avoa, que apenas foi á escola porque non tiña recursos, empregaba un galego riquísimo, coas súas variantes.

Nesta ocasción contará coa intervención de Gabriela Prego en Arteixo. Que lle pareceu a súa elección lingüística?

Chamoulle a atención. E comentoume que se sentiu moi identificada coa historia, por iso quero que participe na presentación dunha forma moi libre, tanto comigo como co público.

Tracking Pixel Contents