50 anos da revolta en Guísamo pola AP-9: «Tiñamos que defender o noso»

Unha mostra tributo á fotógrafa Anna Turbau pon de novo no foco aos protagonistas das protestas | O Concello de Bergondo entrega copias aos retratados ou aos seus familiares

Carmen Seijo posa coa foto na que aparece retratada durante a revolta de Guísamo contra as obras da AP-9

Carmen Seijo posa coa foto na que aparece retratada durante a revolta de Guísamo contra as obras da AP-9 / Casteleiro / Roller Agencia

Bergondo

«Eu era moi pequeno, só lembro o follón, os gardas, as porras... Estaba asustado, dicíalle á miña nai ‘imos, mamá, ímonos de aquí!’. Daquela había que ter medo aos gardas, dábanche un porrazo a primeira de cambio, non se despeinaban...», lembra Quique mentres observa emocionado un instante captado por Anna Turbau hai 50 anos. Este veciño de Cecebre agora peitea canas pero daquela era un neno de tres ou catro anos que se apertaba con forza contra o colo da súa nai e miraba asustado para a cámara, de costas a un grupo de gardas. Ela suxeitábao tranquila e miraba desafiante ao obxectivo.

Enrique Fraga mostra a fotografía na que aparece coa súa nai, Carmen López

Enrique Fraga mostra a fotografía na que aparece coa súa nai, Carmen López / Casteleiro / Roller Agencia

Quique, Carmen, Raimundo, Fina de Mantiñán, Julio, Basilisca, Lolo, Carmiña ou Lola son algúns dos protagonistas dunha retrospectiva da fotógrafa Anna Turbau que se inaugurou este venres en Bergondo e que permitiu aos asistentes revivir ou coñecer unha revolta contra a construción dunha autoestrada que mellorou as comunicacións, pero que se abriu paso sen respectar os dereitos dos propietarios, moitos deles expulsados das súas terras sen unha compensación xusta. «A construción da AP-9 levou por diante moitas formas de vida. Houbo familias que tiveron que abandonar Guísamo», lembraba onte XoséLuis Mosquera, un dos organizadores.

A mostra foi,sobre todo, unha homenaxe a aquela moza catalá de 25 anos que arribou en Galicia para realizar unha reportaxe fotográfica do poboado de O Vao e que ficou finalmente cinco anos en terras galegas documentando os primeiros pasos dunha democracia en cueiros. As protestas dos estaleiros, as manifestacións proautonomía ou o afundimento do buque Marbel foron algúns dos momentos inmortalizados por Turbau, que sacou ademais á luz as vergoñas dun sistema asistencial (por chamalo dalgunha maneira) coa súa desoladora reportaxe sobre as persoas recluídas no hospital psiquiátrico de Conxo.

O fillo da protagonista dunha das fotos máis icónicas da protesta posa coa copa e Xosé Luis Mosquera (a dereita)

O fillo da protagonista dunha das fotos máis icónicas da protesta posa coa copa e Xosé Luis Mosquera (a dereita) / Casteleiro / Roller Agencia

Anna Turbau foi precisamente unha das impulsoras da exposición organizada polo Concello de Bergondo e a Asociación Fotográfica Maruja Roca en colaboración co Consello da Cultura. Esta pioneira do fotoperiodismo pretendía regresar a Guísamo para «pechar un ciclo», explica Ana Tomé, da Asociación Maruja Roca. O seu sorpresivo falecemento o pasado 19 de marzo frustrou o seu reencontro cos veciños de Guísamo, aos que lembraba «con moito agarimo», explica Tomé, que acompañou á fotógrafa hai uns meses por un paseo polos lugares de Guísamo que inmortalizó coa súa Leica en 1975 e que pensaba captar de novo cincuenta anos despois.«Estaba moi agradecida aos veciños, falaba marabillas deles. Contoume que chegaron a protexela dos gardas», conta. Un episodio que tamén lembraba onte Fina, filla dunha das protagonistas da revolta: «Lembro que a miña nai chegou un día a casa e díxonos: ‘Non sabedes o que tivemos que facer, os gardas querían quitarlle a cámara á fotógrafa e tivemos que rodeala!’».

Fina Casal posa coa foto da súa nai, Pilar Fidalgo.

Fina Casal posa coa foto da súa nai, Pilar Fidalgo. / Casteleiro / Roller Agencia

A ela non lle sorprendeu esa reacción tan temperamental de Pilar: «A miña nai era brava, ufff...», lembra axitando a man mentres contempla emocionada a fotografía na que a súa proxenitora fita á fronte, cara ás obras da AP-9, envolta no seu chal. «Ela ía a todas as protestas porque nos deixaban sen os nosos montes», explica.

Fina foi unha das familiares dos protagonistas da revolta que recibiu onte de mans da alcaldesa de Bergondo, Alejandra Pérez, unha copia das fotos «tomadas con compromiso e valentía» por Anna Turbau para retratar a «loita de quen se enfrontou á perda do seu territorio e defendeu con firmeza a súa forma de vida». «Sabemos que este momento era importante para ela. Preocupáballe que esas imaxes volvesen ás mans de quen lles deu sentido», apuntou a rexedora.

Carmen Seijo mira a foto na que aparece retratada.

Carmen Seijo mira a foto na que aparece retratada. / Casteleiro / Roller Agencia

Entre os homenaxeados, familiares dos retratados e tamén protagonistas da revolta, como Carmiña. Ela vivía a escasos metros da obra. «Lembro unha noite que a casa empezou a tremer e os nenos gritababan, ‘treme a casa, mamá!’ E que non nos querían alí..», lembra esta bergondesa, que tivo que buscar acubillo coa súa familia na casa duns veciños.

«Tiñamos que defender o noso. Iamos á obra para que non traballasen, tirámonos á autoestrada», rememora con ollos vivaces. Tiñan medo a perdelo todo, a quedar sen as súas casas, sen os montes e prados que traballaban, conta: «Chegaba a auga toda chea de barro ao prado e as berzas estaban cheas de po», lembraba esta veciña pouco antes recoller a instatánea dela tomada hai 50 anos.

-Carmiña, deixa, non te levantes.

-E logo?, replicou retranqueira alzándose para recoller a súa foto.

E que ela deixa claro que segue en pé e non baixa os brazos.

Tracking Pixel Contents