Cerceda renderá homenaxe a Rosa e a Adolfina polo Día das Letras

Cerceda

O Concello de Cerceda únese á celebración do Día das Letras Galegas cunha programación especial que rende homenaxe á poesía oral popular, e ás figuras locais de Rosa e Adolfina Casás, dúas cantareiras recoñecidas pola súa contribución á tradición oral e musical galega.

Os actos comezarán o venres día 16 de maio ás 18.00 horas coa colocación de placas conmemorativas nas vivendas das homenaxeadas, nun xesto simbólico de recoñecemento e memoria. Ese mesmo día, ás 19.00 horas, terá lugar no Auditorio Municipal de Cerceda a representación da obra As Ferreñas, un espectáculo que pon en valor a música tradicional e a forza das mulleres na transmisión cultural.

O sábado 17, o propio Día das Letras Galegas, celebrarase a inauguración do mural das Cantareiras ás 11.00 horas, seguido da actuación do grupo de pandeireteiras locais A Xunqueira das Encrobas. Ás 12.00 horas, tamén no Auditorio Municipal, desenvolverase a actividade Contacontos As Cantareiras.

O domingo 18 será o momento da representación da peza Agora que vén a noite ás 12.00 horas, dirixida a maiores de 10 anos, tamén no Auditorio Municipal. A programación pecharase o venres 23 ás 19.00 horas co espectáculo audiovisual titulado 586 Cantos, que combinará imaxes e música en directo, ofrecendo unha experiencia sensorial.

Tracking Pixel Contents