As últimas testemuñas de Rosa e Adolfina Casás

Juan Manuel Soto e Felicidad Casás, netos das cantareiras de Cerceda homenaxeadas este ano polo Día das Letras Galegas, forman parte da última xeración familiar que conviviu coas veciñas e parentes naturais da Vila da Igrexa, ás que o Concello dedicará unha placa conmemorativa o 16 de maio

Felicidad Casás e Juan Manuel Soto, con fotografías que gardan das avoas.  | |  CASTELEIRO/ ROLLER AGENCIAS

Felicidad Casás e Juan Manuel Soto, con fotografías que gardan das avoas. | | CASTELEIRO/ ROLLER AGENCIAS

Cerceda

A Vila da Igrexa, en Cerceda, foi o escenario no que se deron a coñecer as cantigas de Rosa e Adolfina Casás, dúas cantareiras que este ano serán homenaxeadas polo Día das Letras Galegas pola súa labor na transmisión da poesía oral popular. Sobriña e tía criadas como irmás, compartiron toda unha vida como labregas, xornaleiras, fillas de solteira e nais solteiras ás que os seus netos—a última xeración familiar que as coñeceu— recordan como mulleres «bravas que non soltaban a pandeireta da man».

Juan Manuel Soto, un dos netos máis novos de Adolfina Casás, finada no ano 2009, recorda con especial agarimo as festas do Carme, unha data na que se reunía toda a familia en Cerceda a carón da lareira de Adolfina, que chamaba a todas as veciñas para cantar e celebrar a vida. «Viñan ata os tíos de Asturias, e alí non se deixaba de festexar», di.

«Nos anos 80, con 15 anos recén cumpridos, fun testemuña e mesmo saio no vídeo que lles gravou a etnomusicóloga suíza Dorothé Schubart para o seu documental Dorothé na Vila cando as visitou en Cerceda», conta o neto de Adolfina, de 59 anos, que di que entón, o feito de ver a «unha señora suiza aparecer na casa da avoa» produciulle un gran impacto.

A musicóloga chegou a Galicia a finais dos anos 70 buscando os cánticos antigos que xa desapareceran no centro de Europa. Desta búsqueda saíron as 300 horas de gravacións que forman o Cancioneiro Popular Galego, unha das maiores recompilacións de música tradicional da Península Ibérica. E, corenta anos despois, dous rapaces iniciaron unha viaxe tras os pasos de Schubarth para atopar as voces que ela recolleu e descubrir as súas historias de vida das súas protagonistas, entre elas as de Rosa e Adolfina.

Soto recoñece que sentiu un gran orgullo cando lle comunicaron que a súa avoa materna ía ser unha das homenaxeadas polo Día das Letras Galegas, pero admite que nunca se lle houbera pasado pola cabeza. «Era unha muller que non sabía ler nin escribir, pero certo é que tiña moito que contar e que cantar», sinala Soto, que se mostra «moi emocionado» de poder recibir este recoñecemento en nome de Adolfina, á que recorda sempre a carón de Rosa, a súa «incansable» compañeira de cantigas e de vida.

Unha década convivindo con Rosa

Así o recorda tamén Felicidad Casás, neta desta última, que di que a súa avoa sempre tiña un refrán para explicar as cousas, e que non lle faltaba «sorna» para contalos. Felicidad viviu con Rosa durante unha década na Coruña, cando a súa familia voltou de Pamplona, e conta que Rosa, aínda nos seus últimos anos de vida, «destacaba polo seu forte carácter, xa que era unha muller moi botada para adiante, e polo seu sentido da música, claro».

Ela mesma, influenciada pola súa avoa, apuntouse a clases de guitarra, e o seu pai comezou a tocar nun grupo de pandereiteriras cando se xubilou. «Eu teño esa asignatura pendente, pero ningún herdamos o seu gran talento», afirma a neta, que di que eles son máis de «cantar» que de tocar. «As comidas eran unha festa con ela, e nós intentamos seguir ‘trouleando’», sostén.

Ambos voltarán xunto ao resto de familiares ao fogar das súas avoas este venres, 16 de maio, para recibir unha homenaxe da man do Concello de Cerceda, que colocará dúas placas conmemorativas nas vivendas de Rosa e Adolfina a partir das 18.00 horas. Tamén inaugurarán un mural das cantareiras o sábado, 17 maio, nun acto que estará amenizado pola música das pandereiteiras A Xunqueira das Encrobas, a partir das 11.00 horas.

Tracking Pixel Contents