As mariñeiras de onte e de hoxe reúnense en Sada

A Asociación Os Patexeiros estreará o 18 de maio o documental ‘Mulleres ao son do mar’, que recolle diversas entrevistas e fotografías antigas da localidade

El mural de mujeres marineras de Yoseba Muruzábal, en Sada.  | |LOC

El mural de mujeres marineras de Yoseba Muruzábal, en Sada. | |LOC

Sada

«As mulleres fixeron e fan un traballo imprescindible no mar, pero aínda a día de hoxe non contan coa visibilidade que merecen». Un grupo de mulleres da Asociación Cultural Mariñeira Os Patexeiros de Sada partiu desta premisa para «lanzarse» a gravar o documental Mulleres ao son do mar, unha peza centrada no labor das mulleres mariñeiras do Golfo Ártabro, que se estreará este domingo 18 de maio ás 12.00 horas na casa da cultura de Sada.

Manolita, Tania, Mari, Begoña, María José, Adriana, Uxía, Gabriela, Carmen e Ana son as protagonistas desta peza audiovisual na que se recolle a experiencia e perspectivas de futuro destas dez mulleres relacionadas co mundo do mar.

Dende redeiras, ata peixeiras, mariscadoras ou estudantes de náutica. «Cada unha aporta a súa propia visión», asegura a secretaria da asociación, Jojó García, que adianta que o documental tamén conta cunha recompilación de fotografías relacionadas, que datan dende os anos 50 en adiante, cedidas por Memoria de Sada. Unha delas a do mural que fixo Yoseba Muruzábal na rúa da Ponte, que foi empregada como imaxe principal do cartaz do filme, que conta coa colaboración da Xunta. Profesionais de diversos ámbitos contan as súas experiencias nun traballo «considerado de homes» feito ao abeiro dun proxecto máis amplo, co que Jojó García sinala que buscan reivindicar o patrimonio marítimo galego, a cultura mariñeira e a aposta polo medio ambiente.

Sen ningún coñecemento previo sobre o sector audiovisual, as artífices deste proxecto tiraron de amigas e coñecidas para levar a cabo o seu proxecto, para o que recoñece que tiveron que moverse moito. «Empregamos a música da gaiteira Susana Seivane para a banda sonora», di García.

Labor de Os Patexeiros

A asociación Os Patexeiros, que leva restaurando embarcacións tradicionais e divulgando coñecementos relacionados ca materia en Sada dende 2009, ten entre mans un proxecto para instalar unha lámina de auga fronte á sede social do Club Náutico de Sada, así como un ecomuseo á flote cun espazo vivo, que permita á poboación coñecer de preto este patrimonio marítimo en «claro risco de desaparición», como sostén Jojó García.

«É moi importante que loitemos por recuperar o noso patrimonio entre todos, e con estas iniciativas queremos dar a coñcecer todo o que temos aquí», explica a secretaria da asociación, que asegura que Os Patexeiros son unha agrupación sen ánimo de lucro que sempre tirou de financiamento propio.

«Con todo isto, o único que buscamos, é sacar á luz todo o material e o traballo que relizaron e realizan as persoas que se dedican a profesións relacionadas co mar», sostén García, que espera que estes proxectos sexan só o comezo dos futuros plans relacionados coa materia en Sada, un municipio que «sempre se caracterizou por ser un lugar de mar, con centos de mulleres e homes que lle dedicaron gran parte da súa vida», indica a secretaria da asociación Os Patexeiros.

Tracking Pixel Contents