O BNG critica a xestión da Festa dos Maiores na Laracha

A Laracha

O BNG da Laracha critica a xestión do Concello por celebrar a Festa dos Maiores o sábado, 17 maio, coincidindo co Día das Letras Galegas. O Bloque indica que o Executivo local «contraprogramou de forma deliberada esta cita. De entre máis de 50 fins de semana que ten o ano, xusto escolleron esta data, a sabendas que o noso grupo ía participar na manifestación do 17 de maio, que se celebra todos os anos».

O partido larachés asegura que «o BNG da Laracha ten presentado unha iniciativa instando ó Goberno local a adherirse ás convocatorias da Plataforma cidadá Queremos Galego que, por certo, apoiaron publicamente algunhas entidades do noso concello, e que elesrexeitaron», di a portavoz, Carolina Castiñeiras.

Os nacionalistas sosteñen que é importante homenaxear aos maiores cun xantar de convivencia, pero consideran que a escolla da data se fixo «a mala fe e de xeito partidista», porque din que «non ten sentido» que o propio día que se celebran as Letras Galegas conmemoren este evento.

«Dende o BNG da Laracha seguiremos a traballar para reverter a situación de retroceso que está a sufrir a nosa lingua e non cesaremos na defensa dos nosos dereitos lingüísticos», sentencia a portavoz do Bloque larachés.

Tracking Pixel Contents