Martín Seco: «É imposible un alugueiro de menos de 700 euros ao mes en Arteixo»

O portavoz do PSOE critica que o PP«negue a existencia» dun problema coa vivenda no concello e lembra que o PXOM «leva catorce anos paralizado»

Arteixo

O grupo municipal socialista de Arteixo denuncia «pasividade do Goberno local» pola «falta de respostas» ante o grave problema actual coa vivenda e a súa «escalada de prezos». O PSOE sinala que hai anos que presenta iniciativas no pleno para que «se tomen medidas» contra a suba continua dos prezos da vivenda no municipio pero «o Goberno do PP nega a existencia deste problema».

O portavoz do Partido Socialista, Martín Seco, sinala que o da vivenda é «un dos maiores problemas que afectan á veciñanza» e no caso concreto de Arteixo xa é «practicamente imposible acceder a un alugueiro por menos de 700 euros ao mes», mentres que a compra dunha «é inaccesible para unha gran parte da poboación», sobre todo a xente nova.

Martín Seco critica que o Executivo municipal prefira culpar da situación ao Goberno de España, mentres Xunta e Concello eluden a súa responsabilidade.

Sinala que existen «multitude de vivendas baleiras» sen incentivos para mobilizarse no mercado; falta unha política municipal de vivenda pública e de promoción de solo para a súa construción.

Seco lembra tamén que o plan xeral «segue paralizado dende hai 14 anos, impedindo o desenvolvemento urbanístico dos núcleos rurais».

Tracking Pixel Contents