A Xunta comprométese a renovar as cubertas do colexio O Cruce de Cerceda este ano
A Anpa demanda unha rehabilitación integral do edificio de Primaria | Os pais e as nais do centro din que as instalacións, que datan de 1976, precisan «melloras urxentes»

Última mobilización convocada pola Anpa, o pasado mes. | LOC
C.F.R.
Despois de que o temporal Martinho arrasase un dos tellados do colexio O Cruce de Cerceda, a Xunta deu por finalizadas as obras nas instalacións case dous meses despois do incidente, que ocasionou que os alumnos do centro tivesen que recibir aulas no ximnasio e no auditorio municipal. «Só falta algún pequeno remate. En todo caso, estes remates non impiden o normal desenvolvemento da actividade lectiva», sinala a Xunta, que asegura que os alumnos xa están dando clases nas aulas do centro.
A Consellería de Educación, que destinou unha partida de 360.000 euros para esta actuación, comprometeuse a encargar este ano a redacción dun proxecto para renovar o resto das cubertas do centro. Unha demanda que, en palabras da dirección da Anpa, levaban «moitos anos demandando pola seguridade dos nenos e nenas», pero que consideran «insuficiente».
Os pais e as nais do alumnado indican que «é necesaria» unha reforma integral do centro, en especial do edificio dos nenos e nenas de Primaria. «As instalacións do edificio de Primaria datan do ano 1976, os baños están inservibles con portas e mobiliario en mal estado», indica a presidenta da Anpa, Verónica Rodríguez.
Demandas
Os pais, que se mobilizaron o pasado mes de abril diante das instalacións do centro para manifestar as súas queixas, aseguran que levan sete anos reclamando á Xunta unha rehabilitación integral do centro para evitar inundacións nas aulas. Tamén demandan unha ampliación dalgunhas aulas e a inclusión dunha segunda porta de acceso ao colexio para evitar riscos no caso de ter que levar a cabo un plan de evacuación.
A Xunta mantivo unha reunión coa dirección e a Anpa do centro, na que se comprometeu a acometer obras de mellora no resto de cubertas, con previsión de que se liciten este ano. «Precisaba unha modernización urxente, pero é necesario dar un paso máis para renovar o resto de espazos», sinalan dende a Anpa.
O derrubamento do tellado dunha das edificacións obrigou a suspender as clases durante un par de días. Despois, en vistas da chuvia e do vento dos seguintes días, o alumnado do centro tivo que seguir dando clases en varias instalacións cedidas polo Concello de Cerceda.