Dúas décadas das pinceladas dunha nena de aldea
Anomar, nome artístico da larachesa Ramona Pérez, acaba de inaugurar en Caión a mostra ‘Entre ángeles y aldeas’, composta por diversas pezas que evocan a vida no campo e a fantasía detrás dese mundo

Ramona Pérez, xunto a unha das obras da exposición. / Casteleiro/ Roller Agencia
Anomar, o nome artístico da larachesa Ramona Pérez, criouse na lareira dos seus avós soñando cun mundo de fantasía que ela mesma logrou facer realidade a través da súa arte. «Vexo todo a través do pincel. Só sei pintar por impulso e por emoción», asegura a larachesa, que acaba de inaugurar no centro sociocomunitario de Caión unha mostra única que percorre 24 anos de creación íntima e persoal.
‘Entre ángeles y aldeas’ é un reflexo das raíces da autora, natural de Golmar, ademais dunha ventá aberta ás súas emocións máis profundas nas que o fantástico e o simbólico se entrelazan co tanxible. «Para min, esta é unha homenaxe ao campo, no que crecín, e a todas esas fantasías que nacen dentro de min e que sempre precisei botar fóra a través do pincel», asegura Anomar.
A pesar de tratarse do seu debut expositivo, a traxectoria creativa da artista, tanto a nivel persoal como profesional, abarca máis de dúas décadas de exploración silenciosa nas que foi dando forma a unha peculiar linguaxe visual propia e chea de matices. «Empecei pintando en bidóns, e agora xa non teño ningún límite», afirma a larachesa, que a día de hoxe plasma a súa creatividade a través da organización e decoración de eventos.
Sen ningún espazo en branco
«Non podo deixar un espazo en branco, é algo que naceu comigo e non podo desprenderrme dese impulso», sostén Ramona Pérez, que se inspira en todo aquilo que lle rodea para pintar e crear pezas únicas, independentemente de cal sexa o lenzo. Fadas aladas, ferramentas do campo, labregos, meigas e anxos compoñen esta exposición que abre as portas á mente de Anomar, no que a realidade e a imaxinación conseguen desdebuxarse para formar un único mundo.
«Moitas veces encárganme debuxos, e a única condición que poño é que non fago dúas pezas iguais», conta a larachesa. Autodidacta dende sempre, Anomar indica que este primeiro contacto co público está a superar as súas expectativas. «Non esperaba esta boa acollida que está tendo», sinala. Tanto é a así que asegura que xa se puxeron en contacto con ela varias salas da provincia, nas que agarda que a acollida sexa tan boa coma na casa.
- El nuevo supermercado Lidl en O Burgo abre este viernes
- Fallece Paco Pita, encargado de lanzar el globo de Betanzos desde 1975
- Detenido un vecino de Aranga por una presunta agresión sexual a una peregrina
- La Xunta descarta efectos adversos en permitir más viviendas en O Río
- Uxes, una pequeña estación en auge
- Condenado a 18 meses de prisión el dueño de la casa Gótica de Betanzos por amenazar al concejal de Urbanismo
- Tres investigados por talas sin permiso y por el hurto de toneladas de madera
- El Superior revoca las multas de Sada a la empresa redactora del plan general