De Estados Unidos a Arteixo para contar a historia dos emigrados
Carmen López puido ler ‘Carmen. The Autobiography of a Spanish Galician Woman’ (1981), o libro da súa vida publicado en inglés por dous antropólogos americanos, grazas á tradución ao galego de Gabriel Álvarez, que busca agora unha editorial para lanzalo en Galicia

Carmen López, co libro de Hans C. Buechler e Judith Buechler sobre a súa historia. | Xabier Maceiras
Nada menos que corenta e catro anos. Ese é o tempo que tivo que esperar Carmen López, unha veciña de 87 anos natural de Chamín, en Arteixo, para poder ler a súa biografía, escrita por Hans C. Buechler e Judith Buechler, unha parella de antropólogos emigrados en Estados Unidos que viaxaron a Galicia na década dos 70 co fin de documentarse e contar a historia dos galegos emigrados en Suíza, o país de nacemento do home.
Así xurdiu Carmen. The Autobiography of a Spanish Galician Woman, un libro publicado en Estados Unidos en 1981 do que Carmen, a súa protagonista, agardaba poder rematar de ler algún día. «Unha rapaza que veu vivir a Chamín pola pandemia empezou a traducirme o libro, pero marchou de Arteixo antes de que puidese rematalo», explica Carmen López, que hai pouco recibiu a chamada do divulgador arteixán e autor do blog Crónicas de Arteixo Xabier Maceiras— que recolle a historia no seu blog— para que se puxese en contacto co profesor de Xeografía e Historia Gabriel Álvarez, que despois de atoparse cun exemplar do libro na biblioteca de Socioloxía da UDC mostrouse moi interesado en facer unha tradución ao galego.
En busca dunha editorial interesada
«Agora só fai falta unha editorial que o queira publicar», di o docente, que despois de poñerse en contacto con Hans C. Buechler e saber que os lugares e os nomes que aparecían no libro eran reais quixo dar un paso máis aló e levarlle o primeiro borrador en galego a Carmen, que ao non saber inglés descoñecía o final da obra.

O profesor e sociólogo Gabriel Álvarez e a veciña arteixá Carmen López. / LOC
«É a historia de moitos galegos e galegas, posto que Carmen relata dende a vida dos seus pais, ata a súa infancia e adultez, polo que fai un percorrido dende antes da Guerra Civil ata os inicios da industrialización en Galicia, é dicir, ilustra o ascenso social dos labregos naquela época», asegura Gabriel Álvarez.
«Eu coñecín ao matrimonio e ás súas dúas fillas xemelgas porque ía facerlles a limpeza do apartamento no que paraban», recorda a veciña arteixá, que di que, ao pouco de coñecerse, os antropólogos propuxéronlle participar activamente no seu libro a través de entrevistas. «Eles gravábanme e logo pasaban o que eu dicía á maquina de escribir», afirma a arteixá, que di que o certo é que o libro é a súa vida «tal cal».
Nada en plena Guerra Civil, Carmen conta que a súa vida «estivo chea de pobreza e de miseria», pero tamén de «gandes momentos» despois de superar a posguerra. «Eu traballei con eles un ano e pico, andaría eu polos 33 anos, entre 1972 e 1973, pero non imaxinaba que o libro se ía centrar tanto na historia da miña familia», sostén a protagonista da obra que dá nome ao estudo dos antropólogos en Galicia.
Gabriel Álvarez, especializado no estudo da emigración galega, di que o libro é unha «xoia», xa que «apunta cales serán as tendencias futuras, porque abarca varias xeracións a través dunha mesma familia de labregos». Os autores decidiran viaxar ata Galicia nos 70 inspirados polo auxe da emigración galega en Suíza, o país do home.
«El quería coñecer o impacto da emigración nos lugares de orixe», asegura o docente, que grazas a Xabier Maceiras, que foi a canle entre el e a protagonista do libro, puido facerlle chegar a tradución completa á arteixá. «Nunca na vida pensei poder ler a miña biografía», sinala Carmen, que espera que moitos outros galegos poidan coñecer a historia de Galicia no século XX a través da súa vida.
- El nuevo supermercado Lidl en O Burgo abre este viernes
- Fallece Paco Pita, encargado de lanzar el globo de Betanzos desde 1975
- El Superior revoca las multas de Sada a la empresa redactora del plan general
- La concejala Cristina Pardo, elegida nueva secretaria xeral del PSOE de Culleredo
- Condenado a 18 meses de prisión el dueño de la casa Gótica de Betanzos por amenazar al concejal de Urbanismo
- Tres investigados por talas sin permiso y por el hurto de toneladas de madera
- «‘Juego de Tronos’ no es nada en comparación con la Revuelta Irmandiña»
- Cambre creará plataforma única y red de fecales junto al apeadero de Cecebre