«Francisco Miguel é o pai artístico de Lugrís, un pintor internacional»

Oleiros e Correa Corredoira apoian dedicarlle en 2026 o Día das Artes Galegas

Francisco Miguel e Syra. |  LOC

Francisco Miguel e Syra. | LOC

M. V.

Oleiros

O Concello de Oleiros apoia que o Día das Artes Galegas de 2026 se dedique ao pintor Francisco Miguel, natural da Coruña pero que residiu varios anos coa súa muller Syra Alonso nunha vivenda en Santa Cruz que existe aínda hoxe. Francisco Miguel foi un pintor de vangarda asasinado no franquismo, en 1936. Grazas á Asociación para a Recuperación da Memoria Histórica (ARMH) en 2024 exhumáronse os seus restos no cemiterio de Bértoa (Carballo), xunto aos de outros paseados.

Oleiros considera que se debe aproveitar a ocasión para facer «unha homenaxe aos artistas fusilados polos impulsores da sublevación contra a Constitución, a legalidade e a democracia». O Goberno local afirma que dedicarlle o Día das Artes Galegas «resulta o mellor xeito de recuperar, difundir e visibilizar o seu legado, capaz de engrandecer o universo artístico deste país, do que hoxe está practicamente excluído».

«Sería marabilloso que se dedicasen ese día a Francisco Miguel porque é un dos pintores, dos renovadores, máis potentes de Galicia naquela época, posiblemente o máis fino. Urbano Lugrís bebe directamente da súa pintura, é o seu pai artístico. É moi necesario restaurar a súa memoria, facerlle xustiza a este pintor internacional represaliado, e con moita obra en México onde viviu», explica o recoñecido pintor Xavier Correa Corredoira, admirador do artista, a quen lle dedicou una exposición en novembro de 2023 na galería de arte Espiral Maior Foro de Carballo. Correa Corredoira ademais coñeceu a un dos fillos de Francisco Miguel, Juan Ramón.

O BNG de Oleiros en 2023 solicitou ao Goberno municipal que lle fixera unha homenaxe ao artista e que se trouxesen os seus restos a Oleiros. Francisco Miguel e a súa muller Syra Alonso, xunto cos seus tres fillos, viviron un tempo nunha casa de Coruxo de Abaixo.

Tracking Pixel Contents