O Concello da Laracha prepara máis dunha decena de actividades para este verán

Ofertará diversos campamentos para nenos de máis de 7 anos | A gran novidade deste ano será o de temática dixital, para menores de 9 a 17

A Laracha

O Concello da Laracha prepara un total de 16 actividades para este verán, na súa maioría dedicados ao público infantil y xuvenil. As diferentes propostas de campamentos teñen un destacado peso na programación. En primeiro lugar, volverán os campamentos de Caión, que se levarán a cabo en dúas quendas semanais por grupos de idade. Os nenos e 7 a 12 anos irán na primeira quincena de xullo, de luns a venres de 10.00 a 18.00 horas. Tamén volverá organizarse o campamento Urbano (de 4a 6 anos) e a segunda edición do campamento Divercamp (para alumnado de infantil e primaria), que inclúe temáticas como robótica, música, baile, e reforzo da aprendizaxe de idiomas. E para os mozos de 13 a 18 anos ofertarase un ano máis a estadía de tres días nun parque multiaventura das Rías Baixas.

A gran novidade deste ano será o campamento Dixital dirixido a rapaces de 9 a 17 anos e que se vai realizar en dúas quendas por grupos de idade en horario de mañá.

No ámbito deportivo volveranse organizar os habituais campus de fútbol (de 5 a 15 anos) e de baloncesto (de 6 a 15 anos) de cinco días de duración e a realizar en instalacións da Laracha e de Paiosaco. Tamén haberá diversas excursións ao longo do verán. O prazo para inscribirse aos campamentos abrirase o luns 26 de maio, e o día 28 para o resto de actividades. Poderá facerse na web do Concello ou presencialmente no mesmo.

Tracking Pixel Contents