«O 69% da poboación de Oleiros é socia dalgunha das bibliotecas»
Foi a primeira bibliotecaria e a única que había cando chegou. Onte pechou por última vez o seu despacho de coordinadora dunha rede de sete bibliotecas municipais despois de 38 anos de traballo nos que acadou importantes recoñecementos nacionais para a labor de fomento da lectura do Concello

Luz Corral, onte na biblioteca central Rialeda. / Casteleiro/Roller Agencia
M. V.
Luz Corral ten o seu despacho na torre dun edificio modernista, Rialeda, no medio dun gran xardín con vistas impresionantes de toda a ría do Burgo. Coma a escritora Emilia Pardo Bazán, inspirouse na torre de Meirás para escribir. Corral, neste espazo, ideou as actividades e iniciativas ata consolidar unha rede de bibliotecas municipais en Oleiros que acadou múltiples premios a nivel nacional, coma o prestixioso María Moliner. Foi a primeira coordinadora das bibliotecas e xubílase despois de case corenta anos de traballo. A emoción, nalgún momento, agroma aos seus ollos.
Hoxe [por onte] é o seu último día de traballo. Emocionada, triste..?
Nerviosa. Quero rematar uns expedientes, deixar pechadas cousas. Teño un sentimento agridoce. De alegría por comezar unha nova etapa da vida, pero tamén triste porque dediquei prácticamente toda a miña vida a isto, teño tido moitos días con máis horas aquí no despacho que na miña casa.
Agora, ao xubilarse, poderá pasar de organizar clubes de lectura a participar como membro.
A miña idea é dedicar este novo tempo a ler, viaxar. Tamén estou pensando en apuntarme á Universidade Senior. Eu son licenciada en Xeografía e Historia, e gustaríame facer algo relacionado coa historia ou a literatura. E quero apuntarme a un clube de lectura, claro.
Conta que son 38 años no posto. Debe levar tanto coma o alcalde.
Cando eu entrei el xa era alcalde, pero si,eramos moi poucos traballadores municipais. Cando eu empecei só era eu de bibliotecaria mais unha persoa na de Santa Cruz, pero contratada pola asociación de veciños. Agora somos quince persoas. Entón só había dúas bibliotecas municipais, en Perillo e Santa Cruz, e agora son sete e a de Lóngora. Vin toda a evolución, como medrou toda a rede das bibliotecas.
Fo a primeira e por agora única coordinadora das bibliotecas. Vería medrar á cativada dende os contacontos ata maiores.
Un mozo díxome o outro día que xa viña a Rialeda de neno, e hai uns días veu unha profesora de Universidade dar unha charla científica e fora usuaria e alumna do Valle Inclán e o Neira Vilas.
Viu medrar Oleiros, as bibliotecas, os fondos, os usuarios...
É moi satisfactorio ver como cada ano aumentan os préstamos de libros, medran os lectores, hai lista de agarda nos clubes.Temos un fondo bibliográfico duns 195.000 volumes, son cinco fondos por habitante, por riba da media galega e española. E hai 28.000 persoas socias das bibliotecas, o 69% da poboación. En 2024 houbo 112.000 usuarios e usuarias, o 54% deles mulleres. E prestáronse o ano pasado máis de 79.000 volumes. Lamentablemente, moito máis en castelán, o 83%, que en galego, que foi un 16%. O 1% foi outro idioma. Nos clubes de lectura temos como norma ler cada trimestre un libro en galego de autor ou autora galegos. Ao comezo había xente que dicía que non era capaz de ler en galego, e tamén pasaba cos contacontos. Pero só pasa ao comezo, despois de varias experiencias xa ninguén ten problema.
A rede de bibliotecas de Oleiros colleitou moitos premios ao longo destes anos, estará orgullosa.
Os premios dánche moita visibilidade, é un recoñecemento ao traballo de todo o equipo de persoas das bibliotecas, co apoio do Concello. O último premio que acadamos foi o da Xunta, de innovación polo programa Ler para Saber en 2024. O Premio Nacional María Moliner no 2011 e as mencións especiais outros anos, o Irmandade do Libro da Federación de Libreiros en 2012 e 2019, o Premio Liber á mellor iniciativa de fomento da lectura da Federación de Gremios de Editores de España no 2017...
Conta contos, clubes, obradoiros...O obxectivo é fomentar a lectura.
Temos dous obxectivos fundamentais: difundir o libro e fomentar a lectura. Pero tamén fomentar a solidaridade, traballamos isto sobre todo nos programas que temos cos colexios. Non queremos lectores pasivos, senón que pensen, reflexionen, unha sociedade culta e con criterio propio. Estas actividades que se organizan ademais fan que a rapazada coñeza as bibliotecas e se fagan usuarios, non se ama o que non se coñece. Os conta contos son un éxito total, sobre todo para os de menos de cinco anos. Abres inscrición ás 08.30 é ás 10.00 ao mellor xa está cuberto.
Lembrará con cariño estes case corenta anos nas bibliotecas...
Estou moi agradecida a este traballo, levas moitas alegrías. E a poboación de Oleiros sempre apoiou as bibliotecas. Doulles as grazas. Xa me emociono...
E como lectora, que libros nos recomenda?
A min gústame moito a poesía. Encántame Feliz idade de Olga Novo e Materia de Yolanda Castaño. Encantoume Hamnet de Maggie O’Farrell. Para adolescentes, O único que queda é o amor de Agustín Fernández Paz; Cando Petan na porta pola noite de Xabier Docampo, Volver la vista atrás de Juan Gabriel Vásquez...
Suscríbete para seguir leyendo
- El Globo de Betanzos alzará el vuelo con «sorpresa» por su 150 aniversario
- A exposición pública el proyecto para conectar los paseos marítimos de Oleiros y Cambre
- La alcaldesa de Cambre invitará al de Oleiros a una reunión sobre el desarrollo en O Seixal
- La Justicia libra a Arteixo del pago de 1,7 millones por el bus de Meicende
- Las bajas laborales dejan en cuadro el servicio de recogida de basura de Arteixo
- Mosteirón estrenará en julio un campo da festa comprado por la comisión
- El Ministerio prevé tener renovado el paseo de O Burgo en marzo de 2026
- Trasladado un hombre tras caer de su caballo en A Laracha