Cantareira de «nacemento» dende A Laracha

Olimpia Puente, unha veciña de 82 anos de Montemaior, acaba de recibir un recoñecemento pola súa labor na transmisión da música tradicional galega

Olimpia Puente na homenaxe. |  Xacarandaina

Olimpia Puente na homenaxe. | Xacarandaina

A Laracha

Cantareira de «nacemento». Así se autodefine a larachesa Olimpia Puente, natural de Santa Margarita, na paroquia de Montemaior, que asegura que nunca deixou de «tocar e de cantar», porque non coñece outra forma de vida. O único que tivo que deixar de lado foi o baile hai un ano, unha das súas «paixóns», porque os xeonllos «xa non aguantan igual, e é peor o remedio que a enfermidade», di a cantareira, que acaba de recibir unha homenaxe da man da asociación Xacarandaina pola súa labor na transmisión da música tradicional.

«Crieime con moitos traballos», afirma Olimpia, que comezou a traballar aos oito anos coidando dos seus irmáns pequenos e aos 13 xa ía coser polas casas a cambio dun par de zocas. «Pasei fame de moitas cousas e non me dá vergonza ningunha recoñecelo», di a cantareira, que recorda que xa a súa nai, da que aprendeu «todo o que sei hoxe», tocaba cun garfo, cun prato, ou con calquera utensilio que tivese a man.

«Non tiñamos cartos para unha pandeireta, pero nunca deixamos de cantar e de tocar», di a larachesa, que recorda que a súa casa foi un lugar de encontro para moitos grupos galegos que buscaban coñecer as raíces da música tradicional. Uns dos primeiros en achegarse á súa casa foron os membros de Xacarandaina, ademais de artistas como Mercedes e Quique Peón, e ata Xabier Díaz, que viviu unha temporanada na Laracha.

«Fun cunhas amigas tocar varias veces ao Luar e logo toquei pola Coruña e ata por Portugal», afirma Olimpia, que di que o verdadeiramente importante é que as seguintes xeracións continúen co legado das cantareiras para que as súas cantigas non teñan fin.

«O meu neto de catro anos sempre me pide a pandeireta cando me ve tocar, quizais sexa o seguinte da casa que siga o exemplo», sostén a larachesa, que di que a súa casa sempre estivo aberta a todo aquel que quixese tocar.

«Fixemos unha asociación en Montemaior nos anos 90 coa que impulsabamos todas estas iniciativas, e estivo en funcionamento 15 anos, porque eu sempre estiven a favor de aprender todos xuntos», asegura Olimpia, que pasou 14 anos emigrada en Suíza xunto a catro dos seus irmáns. «Pasamos momentos duros, por iso ao volver quixemos seguir tocando, bailando e cantando, coma sempre», admite.

Sendo unha das máis maiores de sete irmáns, a larachesa sostén que tivo que pasar «moitos traballiños», e que o tempo pasaba máis levadeiro con música. «Agora vou a clases a un local de Xacarandaina en Paiosaco», di a cantareira, que asegura que ela «nunca» dixo que non a cantar e a tocar.

Un dos poucos momentos nos que quedou sen palabras foi a pasada semana durante a homenaxe da asociación Xacarandaina, unha agrupación que Olimpia considera como súa tamén. «Da emoción case non puiden cantar e tocar», di a larachesa, que afirma que ela é unha cantareira «das de antes», polo que sente un gran orgullo de que todas as cantareiras—homenaxeadas este ano polas Letras Galeagas—recibisen ao fin o recoñecemento público que merecían.

Tracking Pixel Contents