Oleiros ao son da música tradicional
A Asociación Veciñal Os Rueiros organiza para este sábado a oitava edición do Festival de Nós na finca Tenreiro, en San Pedro de Nós, Oleiros. As actuacións comezarán ás 17.00 horas e seguirán ata a noite

Festi Nós en Oleiros / LOC
Á. Abeledo
O Festival de Nós celébrase este sábado, 5 de xullo, na parroquia de San Pedro de Nós, en Oleiros, co ánimo de dar visibilidade á música tradicional. O certame, organizado pola Asociación Veciñal Os Rueiros, terá lugar na finca Tenreiro e comezará ás 17.00 horas. O Festi Nós ten entrada de balde, coa intención de que a xente da zona e arredores pase un bo rato ao ritmo da música e o baile tradicional.
A oitava edición do certame comezará coa vixésima Mostra Folclórica, na que participarán o Grupo de Danzas La Ermita (Laguna del Duero, Valladolid), a Agrupación Cultural Xeitura (Esteiro) e Os Rueiriños, o grupo propio da asociación de veciños oleirense.
Unha membro da asociación de veciños, Fátima Veiga, explica como conseguen os grupos participantes: «Débese a un intercambio cultural. A través dunha especie de grupos de facebook ou whatsapp, onde ti te ofreces ir tocar e bailar, e eles se ofrecen tamén». «O festival comézase a organizar cuns meses de antelación, sobre febreiro ou marzo, xa que hai que contactar cos grupos e que lles veña ben e falar cos dos postos», di Veiga.
A idea de facer o Festi Nós é recente. «Isto empezou porque había tempo que non se facían festas patronais. Entón, a asociación decidiu reunir todo nunha soa festa que coincidise máis ou menos co patrón», di Veiga. «Faciamos sesión vermú e contratabamos grupos, pero nestas dúas últimas edicións decidimos enfocalo máis ao tradicional», explica.
Pola noite, ás 22.00 horas dará comezo o concerto de Pandeireteiras Alxibeiras. A partir das 22.45 horas empezará a terceira Foliada Rueira, que dará paso a foliada libre. «Na foliada rueira inscríbense os grupos que queiran participar, e cando acaba esta xa se pode unir quen queira», explica Veiga.
Dende a asociación esperan unha boa acollida. «Pola noite vén moita xente nova, polo da foliada. Pero ao mediodía vén xente de todas as idades», di Veiga.
Durante toda a tarde haberá unha feira de artesanía, que contará con sete postos diversos e diferentes sorteos da man de colaboradores da asociación. Tamén haberá un chiringuito con bebidas e bocadillos quentes da man da asociación, aparte de que farán unha queimada.
- Oleiros estudiará tirar dos esqueletos parados en O Seixal si no se rematan
- El rincón bodeguero de Paderne
- La promotora de la central hidroeléctrica de As Encrobas ábonará 50.000 euros al Concello y pondrá abastecimiento en el Xalo
- Cuatro personas identificadas en Oleiros por una pelea delante de un karaoke en Santa Cristina
- Una banda de estafadores cae tras la denuncia de una vecina de Cambre víctima del fraude del 'hijo en apuros
- El Superior avala la urbanización de A Pezoca en Oleiros
- Betanzos celebrará la Feira Franca Medieval este fin de semana con 130 puestos
- Vilaboa tendrá un servicio especial de bus hasta A Coruña para las fiestas