Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

Teatro e ‘collage’ para pensar e falar da industria da moda en aulas da comarca da Coruña

A compañía teatral Elefante Elegante fusiona artes escénicas, reflexión e creatividade nun proxecto que levou a centros educativos da Coruña e a área

Sesión de mediación de Elefante Elegante nun colexio.

Sesión de mediación de Elefante Elegante nun colexio. / LOC

Culleredo

«É unha xeración que se expresa, en xeral, mellor a través da imaxe que da palabra. A ferramenta do collage foi moi útil porque lles permite compoñer imaxes máis críticas, tolas, surrealistas... Unhas nenas colleron unha foto dun rabaño de ovellas e puxéronlle cariñas, mesmo de Donald Trump, expresando que imos sen pensar no que facemos, no que consumimos», explica María Torres, directora da compañía Elefante Elegante, con sede en Culleredo, sobre o proxecto Pata de Elefante. A iniciativa mistura teatro, reflexión e creatividade no ámbito educativo ao levar ás aulas o debate e a análise da realidade e os efectos da industria téxtil, tema do que trata a última obra da compañía, Alta Costura.

‘Collage’ elaborado nunha sesión de Pata de Elefante. |  LOC

‘Collage’ elaborado nunha sesión de Pata de Elefante. | LOC

As sesións de mediación para dar cabida a que os rapaces pensasen e plasmasen as súas impresións ou reflexións en composicións de imaxes chegou a varios centros da zona: o instituto Eduardo Blanco Amor, de Culleredo; o instituto de Carral; o instituto Agra do Orzán, da Coruña; o colexio Curros Enríquez, da Coruña; e o instituto David Buján, de Cambre. Hoxe, xoves, rematará cunha sesión con alumnos de 4º curso da Facultade de Socioloxía da UDC, a través do grupo de innovación docente Achega. Para esta cita, ao tratarse de universitarios, ademais de aportar información e propor a reflexión e a elaboración dun collage, Elefante Elegante ten preparada «unha dramaturxia con xogos de rol para entender os puntos de vista dos demais», sinala a directora.

O programa, que recibiu axuda do Fondo de Apoio a Proxectos Singulares para a Mellora Social 2025 da Deputación e conta coa colaboración do Concello de Culleredo, culminará cunha dobre función o próximo día 14 de Alta Costura para alumnos onde se xestou: no auditorio de Servizos Múltiples do Burgo. Foi alí onde, nos coloquios e presentacións en primicia de obras súas a estudantes, Elefante Elegante percibiu «unha dificultade comunicativa crecente nos últimos anos», conta Torres. «Creamos o proxecto para tentar achegarlles desde dentro o proceso creativo e darlles certa confianza para que, cando veñan ao teatro, estean máis cómodos para falar», explica. E, aínda que os rapaces son «diésel», teñen os seus tempos, os encontros espertaron neles «un interese grande e sorpresa pola información» que lles facilitan sobre o mundo da moda. «Queremos que cheguen ás súas conclusións a partir de datos. Que se emocionen, rían e pensen. Algúns riron de si mesmos», celebra a directora, que reivindica «o espazo de liberdade da arte como un camiño vital que é importante considerar».

Suscríbete para seguir leyendo

Tracking Pixel Contents