Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

Xosé Iglesias, o mariñeiro de Cee que pon por escrito as súas vivencias: "Xa vou polo sexto libro"

O patrón presentará o 31 de outubro en Arteixo ‘Nao cetácea’, unha obra gráfica composta por 67 ilustracións feitas con acuarela que contan a historia de diferentes mariñeiros da comarca. Trátase dun achegamento visual e narrativo aos seus compañeiros de oficio

Xosé Iglesias firma un dos exemplares de ‘Nao cetácea’. |  LOC

Xosé Iglesias firma un dos exemplares de ‘Nao cetácea’. | LOC

Arteixo

Cando as normativas do mar se endureceron, Xosé Iglesias comezou a poñer as súas reivindicacións e pensamentos máis profundos por escrito. Este mariñeiro de Cee, con máis de trinta anos de experiencia no sector, fixo da poesía o seu refuxio a bordo para botar fóra todo o que levaba dentro, e xa vai polo seu sexto libro.

Unha década despois de comezar a escribir os seus primeiros versos, Iglesias acaba de publicar Nao cetácea, un achegamento visual, poético e narrativo aos mares, ao patrimonio marítimo e á biodiversidade mariña do litoral, con especial énfase no mundo dos cetáceos.

Un libro de acuarelas que conta coa colaboración Editorial Canela, e que o patrón levará este venres, 31 de outubro, ao Museo Mar do Sorrizo de Arteixo a partir das 17.30 horas, a través do ciclo Voces mariñeiras.

67 ilustracións propias

«Os barcos transfórmanse en seres que conforman o seu espírito», explica o mariñeiro de Cee, que di que este libro reúne 67 ilustracións con metamorfoses que renden homenaxe ao mar, aos devanceiros e aos mariñeiros que faenaron e faenan cada día. «Recollo unha historia detrás de cada ilustración e falo de xente real, das súas vidas», asegura.

O mariñeiro, que traballou durante un tempo como patrón de pesca no caladoiro de Rockall, ao noroeste de Escocia, continúa navegando cada día cun bolígrafo na man na súa terra. «Vivimos intensamente as catro estacións, e o mar é pura poética, é imposible non sentir inspiración cando me subo ao barco», sostén o patrón, que di que «cando tes o abismo a cero centímetros, a inspiración chega soa».

A Costa da Morte é unha personaxe máis das súas obras, pois o poeta recoñece que a comarca e a súa bisbarra son os principais escenarios dos seus libros. «Estou moi empapado da miña terra», di o mariñeiro, afincado en na parroquia arteixá de Pastoriza, que recorda que se criou recollendo fanecas co seu avó a carón da casa.

Un oficio con tradición familiar

«As mulleres da miña casa dedicáronse sempre ao mar. Miña nai era percebeira e miña avoa ía vender o pescado todos os días. Somos unha familia de tradición mariñeira», admite o patrón, que cre que o oficio ten «os días contados», polo que espera que os seus libros sirvan para deixar un pequeno legado sobre o seu traballo.

«Eu conto o meu día a día, o que vexo e o que sinto porque é o que me sae de dentro», recoñce. Involucrado ao 100% co oficio e cos dereitos de todos os mariñeiros, Xosé Iglesias avoga por «seguir erguendo a voz» e contando unha pequena parte da historia de moitos dos mariñeiros da Costa da Morte.

Suscríbete para seguir leyendo

Tracking Pixel Contents