Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

Lois Vilar Hermidas: «Ata hai 60 anos, aínda vivía xente nas pedras do monte Xalo»

O investigador Lois Vilar recompila todas as lendas, historias e curiosidades que rodean o monte Xalo no seu último libro. O traballo, feito a partir da tradición oral dos veciños da zona, será presentado este xoves, 6 de novembro, ás 20.00 horas na Casa da Cultura de Carral

Lois Vilar, no medio, durante a súa charla no Castelo Conta. |  LOC

Lois Vilar, no medio, durante a súa charla no Castelo Conta. | LOC

Carral

O monte Xalo é unha das zonas naturais máis máxicas da comarca. Para explicalo agora está Lois Vilar Hermidas, unha das persoas que máis coñecen as historias do pobo. Vilar presenta este xoves ás 20.00 horas na Casa da Cultura de Carral o seu último libro, O Monte Xalo. Patrimonio cultural e tradición oral dun monte máxico.

Por que comezaches a investigar o monte Xalo?

Eu estaba facendo outras cousas. Xa fixera investigacións sobre cada parroquia de Carral, pero vivía preto do Xalo, a uns catro quilómetros, e sempre o vin como un monte moi mítico, moi pouco estudado. Metinme nel e atopei desde monumentos históricos como castros, igrexas desaparecidas e sobre todo as pedras e a auga.

Precisamente as pedras son unha parte importante do libro.

A xente antes coñecía cada pedra polo seu nome, cada montón delas tiña un nome no Xalo. Pero é que ademais cada unha delas tiña unha función e unha lenda. Por exemplo, hai pedras curativas, pedras onde se cociñaba, «portas do alén», que unían o mundo dos infernos co mundo de fóra... Servían para predicir o clima ou funcionaban como reloxo para os que traballaban as leiras. E sobre todo, había pedras vivenda, onde ata hai 60 anos, aínda vivía xente nas pedras do Xalo. Alí refuxiáronse guerrilleiros durante a Guerra Civil ou delincuentes que se organizaban alí para ir roubar ás feiras.

Como foi o proceso de recompilar todas as historias da xente de monte Xalo?

O proceso de recollida foi falar con moita xente moitos anos. Hai 30 anos que empecei recollendo toda a sabedoría popular que había ao respecto de lendas, ritos curativos, albeitería...Ao longo do tempo rematei por recoller historias das que incluso que os vellos que hai hoxe na parroquia non se recordan. Fun recollendo todo o que puiden ata rematar o libro.

Comentabas que hai moita lenda no monte, por que cres que é?

É un sitio que leva habitado uns oito mil anos. Era unha zona de agricultores e gandeiros ata hai ben pouco. E as covas, as mámoas deron pé a moita lenda, porque a xente de antes asociaba as cousas antigas a seres como os mouros, ou as pedras postas polos xigantes. Sobre estas tamén hai historias sobre meigas e trasnos, pero tamén hai moito relacionado coas augas do monte.

Recolles moitas lendas sobre a maxia das augas.

Das augas hai centos de lendas. Dicíase sempre que o Xalo ten moita auga e iso é debido ao proceso xeolóxico de formación, polo que ten un montón de fontes e brañas, que teñen unha importancia ecolóxica total. Nestas augas se ían curar a xente moitas enfermidades tradicionais, como verrugas, queimaduras. Recollemos todas estas historias no libro, intentamos facer un estudo bastante pormenorizado, aínda que só collemos a vertente norte do Xalo, en Carral e Culleredo.

Participaches no Castelo Conta, que che transmitiron os participantes cando lles contaches todas estas historias?

A xente a verdade é que queda alucinada cun montón de cousas que nunca se recolleron e que nunca se falaron.

O libro tamén sirve para que a xente se de conta da importancia da natureza no monte.

Hai que incidir moito na destrución e desprotección do Xalo, que é moi forte. Sobre todo cos eólicos e a balsa, que vai destrozar case a metade. Dun lado pon en perigo petroglifos e mámoas e despois a balsa, que se vai colocar nun sitio de brañas de un altísimo valor ecolóxico, e que ademais vai afectar a un menhir de grande importancia histórica.

Suscríbete para seguir leyendo

Tracking Pixel Contents