Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

José Montaña Louzao, escritor betanceiro: «Aos 13 anos xa estaba lendo a Biblia, o mundo eclesiástico sempre me rondou»

O autor e catedrático de Lingua Española e Literatura acaba de recibir o Premio Torrente Ballester de Narrativa da Deputación, dotado de 15.000 euros, pola súa novela ‘Non hai paz no paraíso’. Unha obra que lle costou catro anos de investigación, na que conta a historia dun cura masón dos anos 30

O escritor José Montaña Louzao. |  LOC

O escritor José Montaña Louzao. | LOC

Betanzos

Como recibe este premio?

De sopetón, pero con moita alegría, porque é un premio con moito prestixio. Ademais, Torrente Ballester foi un gran escritor ao que tiven a fortuna de coñecer, así que estou moi agradecido.

Que foi o que o moitvou a profundizar na relixión da primeira metade do século XX?

Quería saber máis. É unha obra cunha forte carga social, pero o fundamental é o protagonista. Baseo boa parte da obra nun cura masón de Ferrol que foi fusilado no 36, e que foi enterrado nunha fosa común. Non é unha biografía, pero emprego parte da súa vida para contar unha época. Todo pasa no Santiago dos anos 30, pero tamén aparecen moitas vinculacións a Betanzos, Vilagarcía de Arousa e Vigo. O protagonista defende a idea dun comunismo primitivo e critica o poder dos xesuítas e dos pontífices. É un rebelde que loita contra o caciquismo.

Ve algunha similitude daquela época coa actual?

Vivimos nunha época de cancelación e dunha gran polarización. En parte, quixen trasladar esa idea de debate e de crítica a este momento para que a xente reflexionase.

Houbo algunha personaxe que lle resultase máis complicada de construir?

En xeral non foi un traballo sinxelo, pero destacaría a rapaza coa que casa o cura, que é moito máis nova ca el. A historia está contada por ela. Unha rapaza orfa, de aldea, que acaba tendo un fillo co cura. Pero tamén hai personaxes escondidas polo medio do libro. Algunha homenaxe a Isaac Díaz Pardo, e mesmo ao médico e pianista Amancio Caamaño, pero tamén á miña avoa Aurea.

Canto hai de Betanzos nesta obra?

Eu son un betanceiro sen raíces, porque marchei de alí aos 13 anos. Meu pai foi destinado a Betanzos dende Madrid, e despois fomos a Santiago. Pero sempre tiven algo con Betanzos. Na niña anterior novela hai parte de Betanzos, e nesta tamén. O cura masón vai ao cine Alfonsetti e entre as súas loitas estaba a reivindicación polo ferrocarril Betanzos-Ferrol.

Como foi o proceso de documentación?

Realicei unha forte formación teolóxica que me costou moitas lecturas. A novela levoume catro anos da miña vida, e son 400 páxinas de moito estudo e traballo. Tamén polos cambios de rexistro lingüísticos que fago, porque empreguei un ton conversacional que de vez en cando se intercala con disertacións cultas da época.

Xustamente o xurado destacou, entre otras cousas, a riqueza lingüística da súa obra.

Acabei cansado da novela neste sentido [di entre risas]. Intentei reproducir como podía falar un masón dos anos 30 e como podía ser unha entrevista nun xornal da época, ou unha carta dun bispo. Pero todo isto non me colleu de sorpresa. Na niña familia hai un bispo, dúas monxas, xente do Opus…Eu son unha persoa que aos 13 anos xa estaba lendo a Biblia, polo que o mundo eclesiástico sempre me rondou.

Ten en mente xa algunha nova novela?

Quero facer unha dunhas 150 páxinas, non moi extensa, pero aínda teño moitas ideas na cabeza. Rematei agora un libro de relatos, pero é algo que fago cando teño un oco e non teño nada que facer, así que xa veremos.

Suscríbete para seguir leyendo

Tracking Pixel Contents